Noticias de Cooperación Gallega
13/11/2009
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE visita os proxectos financiados pola cooperación galega na República Dominicana

Na primeira xornada os responsables da Xunta de Galicia realizaron, acompañados dun equipo da ONG AGARESO (Reporteiros Galegos Solidarios), unha visita oficial a Santiago de los Caballeros para supervisar o desenvolvemento do Programa Integral de Mellora do Barrio de Santa Lucía/La Mosca.

Alí recibiron información de primeira man sobre os pormenores do programa a través das entidades participantes, asinaron a acta de validación dos compromisos entre a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago de los Caballeros e a Corporación de Acueducto e Alcantarillado de Santiago (CORAASAN) e posteriormente desprazáronse ao terreo para coñecer "in situ" a situación real do barrio de Santa Lucía.

Jesús Gamallo destacou que "Este proxecto permítenos cooperar en algo no que cremos profundamente, a mellora da calidade de vida das persoas. É un proxecto cun altísimo compoñente social, estamos falando de traballar en materia de medio ambiente, en materia de saúde pública, de auga de saneamento; pero estamos falando tamén de traballar coas persoas, neste caso coas familias, cos homes e cas mulleres que viven nesta zona, cos buzos que traballan no vertedoiro e que son as capas sociais máis desfavorecidas e que por tanto merecen un maior apoio por parte dos poderes públicos".

O director xeral expresou tamén a aposta decidida da cooperación galega pola calidade. "Queremos que o proxecto alcance niveis de eficiencia. A cooperación galega basea a súa estratexia na eficacia da actuación e na eficiencia, máis agora que estamos nunha época de crise internacional, onde todos nos temos que obrigar a tentar facer máis, chegar a máis beneficiarios con menos. Este proxecto tamén está en sintonía cas grandes prioridades da cooperación galega, que aposta pola sustentabilidade, é dicir, dar a palabra, a implicación e o protagonismo a quen é realmente o protagonista das accións: os habitantes do barrio de Santa Lucía. Por iso este proxecto ten un compoñente de fortalecemento institucional, de mellorar a participación dos cidadáns deste barrio nos procesos de toma de decisións públicas".

Tras percorrer as rúas e entrevistarse cos representantes das asociacións dos barrios, Jesús Gamallo e o alcalde de Santiago de los Caballeros, José Enrique Sued Sem realizaron o primeiro picazo, (o equivalente ó que en España denominamos a colocación da primeira pedra) para a construción do Centro Comunal.

O traballo de visibilización deste e doutros proxectos lévase a cabo a través da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO). Máis información na web: www.agareso.net