Noticias de Cooperación Gallega
18/11/2009
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE visita no Salvador un proxecto relativo ao fortalecemento asociativo de cooperativas pesqueiras

Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia e Pilar Romero, subdirectora xeral de Cooperación Exterior (acompañados por un equipo da ONG AGARESO) continúan a súa visita a varios países onde se están a desenvolver proxectos financiados pola Xunta de Galicia. Neste contexto visitaron no Salvador, no día de onte, un proxecto centrado no fortalecemento asociativo de cooperativas pesqueiras, con especial atención ao establecemento dun plan de extracción sostible e á protección do medio ambiente.

A iniciativa visitada polo director xeral de Relacións Exteriores beneficia a oito comunidades rurais dos municipios de Tecoluca, San Luis, La Herradura e Zacatecoluca, na desembocadura do río Lempa, entre os Departamentos de La Paz e San Vicente e execútase pola Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) xunto coa asociación local Fundación para a Cooperación e o Desenvolvemento Comunal (CORDES).

Esta é a terceira fase dun proxecto financiado pola Cooperación Galega, cunha achega total de 452.632 euros e no que se melloran as condicións de vida de 627 familias (2.400 persoas).

Entre as actividades desenvolvidas na II fase cabe destacar a construción dunha planta de procesamento de peixe, que foi inaugurada polo director xeral de Relacións Exteriores ao final da súa visita, tras coñecer de maneira directa como viven e como traballan os pescadores desta zona.

Jesús Gamallo lembrou a gran importancia que teñen a pesca e a acuicultura en Galicia para animar a estas comunidades a conseguir un valor engadido á dura actividade de ser pescador.

"A pesca ten que ser rendible para o que exerce a actividade pesqueira, ten que ser sustentable, porque senón a conservación do recurso fracasa, e ten que ser unha actividade que garanta a seguridade alimentaria. Creo que este proxecto que coñecemos de primeira man no día de hoxe, vai na liña de conseguir cumprir os tres obxectivos.

Traballouse ben na formación e capacitación, no uso das artes e utensilios necesarios para a extracción e manipulación do peixe, pero tamén se traballou moi ben nun asunto clave: garantir o valor engadido para o productor mediante técnicas modernas de comercialización do peixe."

Gamallo tamén comprometeu o esforzo, na medida das posibilidades, para seguir colaborando con todos os beneficiarios deste proxecto.

O director xeral de Relacións Exteriores tamén aproveitou a ocasión para expresar a solidariedade e a condolencia do Goberno e do pobo galego polas consecuencias do furacán Ida, que deixou no Salvador preto de 200 mortos.

Actualmente, O Salvador é o segundo país receptor de AOD en Centroamérica por parte da Cooperación Galega, despois de Guatemala

O traballo de visibilización deste e doutros proxectos lévase a cabo a través da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO). Máis información na web: www.agareso.net