Cooperación galega conclúe a súa viaxe a Centroamérica coa visita en Guatemala á Iniciativa de desenvolvemento integral Oxlajuj Tz´ikin
Tras ser recibidos polas autoridades locais, os representantes da Xunta de Galicia visitaron distintas comunidades, onde puideron comprobar de primeira man, como se traballa en diferentes sectores e con distintas ONGD, en temas relacionados coa habitabilidade básica, desenvolvemento produtivo, fortalecemento institucional, fortalecemento comunitario, xestión de riscos e prevención de desastres e saúde e educación. Este último compoñente foi destacado polo director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, xa que “é o motor que vai transformar a realidade destas comunidades. A educación é de vital importancia para o Goberno galego, porque é a base do desenvolvemento económico e a mellora das condicións de vida da poboación. Por iso tamén é preciso impulsar a capacitación do profesorado e mellorar a calidade da educación dos alumnos, porque nas súas mans está o futuro da colectividade".
Ademais de visitar unha escola, os representantes da cooperación galega tamén coñeceron outros proxectos coma unha planta de fabricación de bloques, un pozo artesanal de emerxencia, unha casa de saúde ou un sistema de radio, que comunica as diferentes comunidades do programa, empregado como medio de alerta temperán ante casos de emerxencias.
Durante a xuntanza cos representantes das 18 comunidades indíxenas participantes no Programa, a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, resaltou que “aínda que a Xunta de Galicia tivo a iniciativa, esta non podería levarse a cabo sen o esforzo de todas as organizacións colaboradoras e, sobre todo, sen a implicación dos beneficiarios". Ao tempo, Pilar Romero animou aos beneficiarios do programa a ser eles os protagonistas do seu propio desenvolvemento.
Pola súa parte, o director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, manifestou que a pesar das dificultades que ten a Cooperación de Galicia, “paga a pena o esforzo orzamentario en beneficio das persoas que realmente o necesitan, cando se comproba dende o terreo o ben que están a funcionar as sinerxias, o consenso e a unión de vontades na mesma dirección de todas as institucións e ONGD que executan o programa".
Ademais Gamallo subliñou o compromiso do Goberno da Xunta de Galicia polo respecto e a potenciación da cultura maia, da que “temos moito que aprender sobre solidariedade, desenvolvemento comunitario, valor e respecto pola súa cultura. Guatemala é, e seguirá sendo, un país prioritario e continuará contando ca solidariedade do pobo galego", recordando que se trata dun dos 17 países prioritarios da Cooperación Galega.
Os máximos representantes da Cooperación Galega recibiron unha calorosa acollida e recoñecemento en todas as comunidades que visitaron polo traballo, o apoio e o investimento que realiza a Xunta de Galicia en beneficio da mellora de vida dos seus habitantes. De feito, o Municipio de Champerico nomeounos hóspedes distinguidos, ademais de facerlles entrega das Chaves da Cidade.
Mediante un Acordo marco de colaboración, no Programa de desenvolvemento integral Oxlajuj Tz'ikin participan as municipalidades locais, 5 ONGD galegas, as súas contrapartes locais, a Fundación Iniciativa Civil para a Democracia (INCIDE) e a Asociación Maia Oxib'Noj (AMON). Tamén toman parte a Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG) e a Deputación de A Coruña.
O traballo de visibilización deste e outros proxectos está levándose a cabo a través da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO). Mais información na páxina web: www.agareso.net