A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa U.E. ensina ás ONGD galegas as oportunidades de financiamento que lles ofrecen as institucións europeas
A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa U.E., en colaboración coa Fundación Galicia Europa, organizou un seminario en Bruxelas para que as ONGD galegas coñezan de primeira man as oportunidades de financiamento que lles ofrecen as institucións europeas para os seu proxectos. Neste encontro, baixo o título de “Cooperación UE-ONGD rexionais e locais. Vías de acceso ao financiamento comunitario para a cooperación ao desenvolvemento", participaron representantes da Coordinadora Galega de ONGD, da Dirección Xeral da Comisión Europea competente en materia de Cooperación ao Desenvolvemento (AIDCO) e da Confederación europea de ONGD “Concord".
Este foro é parte dunha visita organizada polo departamento autonómico para que a Coordinadora Galega de ONGD coñeza a Fundación Galicia Europa e diferentes institucións comunitarias, e enmárcase no cumprimento das competencias propias da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa U.E. e do establecido no actual Plan director da Cooperación Galega. Concretamente, no desenvolvemento de actuacións de fomento e mellora da información e da formación dirixida ao sector dos axentes galegos de cooperación ao desenvolvemento, co fin de mellorar a súa capacidade operativa e técnica.
Do mesmo xeito, o seminario enmárcase dentro dos obxectivos nos que se ven materializando o traballo da Fundación Galicia Europa ao longo dos máis de 20 anos da súa historia, como son defender os intereses de Galicia ante a Unión Europea, informar sobre a U.E. en Galicia e formar e promover a participación galega en proxectos europeos.
O seminario persegue un dobre obxectivo: propiciar o encontro dos representantes da Coordinadora Galega de ONGD con responsables da Comisión Europea en materia de cooperación ao desenvolvemento e intercambiar experiencias entre os representantes galegos e outras coordinadoras europeas a fin de identificar accións conxuntas que poidan enmarcarse en programas europeos.
Novas fórmulas para mellorar a axuda oficial ao desenvolvemento
Neste sentido, o director xeral de Relacións Exteriores e coa U.E., Jesús Gamallo, comentou na benvida ao seminario que na actual situación de crise económica internacional -na que os orzamentos públicos para 2010 veñen marcados pola austeridade e por unha necesaria atención ás políticas activas de fomento do emprego-, os orzamentos galegos prevén recortes que afectan aos recursos que se destinan a cooperación exterior. Esta situación, dixo, obriga a afrontar o ano que vén como un ano de excepcionalidade no que “é preciso buscar fórmulas que permitan mellorar a xestión, a eficacia e a eficiencia de nosa axuda oficial ao desenvolvemento, pero tamén explorar outras vías de financiamento para proxectos dos axentes galegos de cooperación".
Gamallo explicou que, a pesar desta situación excepcional, o departamento que dirixe destinará ata un 60% do orzamento de cooperación ás convocatorias públicas de axudas e subvencións para proxectos en concorrencia competitiva dos diferentes axentes galegos de cooperación. Así mesmo, tamén anunciou a renovación dos convenios de fortalecemento do sector e de sensibilización a prol da sociedade galega, o mantemento dos fondos destinados á Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, e a apertura, por primeira vez, dunha convocatoria pública para proxectos de axuda humanitaria e dun fondo de emerxencias.