Noticias de Cooperación Gallega
10/12/2009
Xeral

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea convoca 14 bolsas de formación de expertos/as en cooperación ao desenvolvemento

A convocatoria de bolsas de formación de expertos en cooperación ao desenvolvemento para o vindeiro ano 2010, que hoxe (10/12/09) publica o DOG, está dotada con 227.160 euros para un total de 14 bolsas, o que supón un mantemento do numero de prazas ofertadas e do orzamento da convocatoria con respecto á do ano anterior.

Con esta convocatoria preténdese apoiar a formación de expertos/as en cooperación internacional, cumprindo co establecido no Plan director da Cooperación Galega respecto á formación de persoal especializado que contribúa ao fortalecemento do sistema galego de cooperación.

Os solicitantes deberán ser nacionais da Unión Europea e nacidos con posterioridade ao 1 de xaneiro de 1978. Igualmente deberán estar en posesión dun título universitario de grao medio ou superior. Valorarase, entre outros, a formación en cooperación ao desenvolvemento e os coñecementos de galego, idiomas estranxeiros e informática. Ademais da avaliación dos méritos, a comisión de selección realizará unha entrevista aos aspirantes con maior puntuación.

Os destinos das bolsas serán a sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa U.E. en Santiago de Compostela, as oficinas técnicas de cooperación da AECID en diversos países e delegacións de organismos internacionais multilaterais.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 11 de xaneiro de 2010.