Noticias de Cooperación Gallega
17/12/2009
Xeral

Entrevista a Lorena Leiro Paz

Para empezar: Por que decidiches presentarte á convocatoria de bolsas de formación en cooperación exterior da Xunta de Galicia?
A verdade é que sentía que era o momento de vivir unha experiencia en terreo. Encántame traballar en contacto coa xente, sempre me moveu a área humana e social, pero botaba en falta unha experiencia que me permitise comprender o desenvolvemento dende unha perspectiva máis integral e macro.

A idea de achegarme á cooperación internacional levaba un par de anos pasándoseme pola cabeza pero non me decidía. Tamén tiña moitas ganas de coñecer América Latina, pero sentía que non podía deixar o meu traballo por uns meses e marcharme. A mediados de novembro do 2009 recibín un correo electrónico anunciando a convocatoria e vin moi claro que era unha moi boa oportunidade, así que decidín presentarme.

Despois duns meses de experiencia en terreo, gustaríache dedicarte no futuro profesionalmente á cooperación?
Encantaríame! A cooperación paréceme unha área fascinante e moi completa, na que por unha parte podes achegar moito e ao mesmo tempo estás continuamente aprendendo a nivel persoal e profesional.

Cales son as tarefas obxecto da túa bolsa?
Agora estou inmersa nun programa de cooperación directa que financia a Xunta de Galicia, o Programa integral de mellora do barrio de Santa Lucía en Santiago de los Caballeros. O concello da cidade quere converter o vertedoiro Rafey nun ecoparque, pero descubriron que nel traballaban "mergulladores/as": persoas que viven de recoller lixo e reciclalo. O noso programa, que xorde a raíz do irmandamento entre Santiago de los Caballeros e Santiago de Compostela, aséntase en 4 compoñentes: Auga, saneamento e habitabilidade; Saúde preventiva; Fortalecemento das organizacións da sociedade civil e Mellora das condicións de acceso e permanencia ao emprego dos recicladores/as (mergulladores/as).

Dentro do programa eu estou máis centrada na liña de saúde preventiva, axudando a organizar a información clínica das familias do barrio, prestando apoio na intervención psicolóxica, etcétera.

Ademais de neste proxecto de Cooperación Galega tamén estou a traballar na capital dominicana, colaborando no proxecto "Cultura+D" (cultura máis desenvolvemento), do Centro Cultural de España en Santo Domingo apoiado pola AECID (Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento), a través do cal se pretende facilitar o acceso aos recursos culturais a comunidades desfavorecidas coas que traballa a cooperación española. Dende aquí estamos a organizar talleres artísticos, achegando o teatro ás comunidades, realizando exposicións de visualización do traballo das ONG, etcétera.

A filosofía que sustenta a este proxecto é que cando hai pobreza as comunidades son máis vulnerables a desenraizarse culturalmente, non valorando a cultura local e favorecendo a incursión de culturas foráneas (en República Dominicana o modelo de referencia, por exemplo, sería o estadounidense). Isto adoita repercutir na sensación de pertenza e de identidade das persoas e mesmo nun estancamento no propio desenvolvemento comunitario (dalgún modo a suma fai a forza). Se as persoas non se senten identificadas coa súa comunidade non se van esforzar en que esta se desenvolva. O obxectivo de "Cultura+D" sería achegar os recursos culturais para reforzar a propia cultura e fomentar así o seu desenvolvemento.

Como está a resultar a túa estanza no país onde estás destinada?
O balance está a resultar moi positivo. Na República Dominicana a xente é moi hospitalaria e próxima, iso fai que todo sexa máis sinxelo, dende o primeiro día sentinme moi arroupada. No persoal, estame a enriquecer enormemente, valeume mesmo como experiencia de autocoñecemento porque vives situacións moi intensas nun período de tempo relativamente curto.

Cales son as principais dificultades coas que te encontraches?
A nivel laboral, a falta de experiencia previa en cooperación. Moitas veces sénteste moi insegura. Hai que ter paciencia coa xente e contigo mesma e estar aberta para aprender de todo o mundo. As coordinadoras coas que traballei axudáronme moito a superar eses primeiros momentos de incerteza. Ademais, na República Dominicana hai problemas habituais á hora de traballar. O ritmo de traballo e planificación é bastante diferente ao que estamos afeitos en Europa; por exemplo, é moi habitual que acudan a unha reunión sen un enfoque claro ou sen un traballo previo que a faga máis eficaz.

É importante ter en conta que se trata dun país en vías de desenvolvemento polo que as probabilidades de que suceda algún imprevisto se multiplican exponencialmente: hai que ter paciencia e un plan alternativo para cando se vai a luz, a auga ou Internet. Nunha ocasión estiven varios días sen luz na casa porque ao pasar o camión do lixo levou por diante a toma do apartamento, ou máis recentemente a "gua gua" na que ía detívose porque viaxabamos sen o equivalente á ITV española e tivemos que esperar dúas horas e media a que outra nolo trouxese. Aprendes a ser paciente!

Que é o que che está a achegar a túa bolsa de formación?
Grazas á bolsa puiden coñecer a cooperación dende diferentes ámbitos como: a nivel formativo, a través da bolsa asistín como oínte a un módulo do Máster de Cooperación Internacional que oferta a Universidade de Santiago de Compostela (USC); administrativo, estiven case dous meses traballando na Subdirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia coñecendo de primeira man o modo de exercer na sede e os procedementos administrativos propios; en terreo, apoiando na execución dun programa de cooperación directa do Goberno galego (o Programa integral de melloramento do barrio de Santa Lucía) no que actualmente me encontro apoiando ao compoñente de saúde preventiva; a cooperación cultural, traballando nun proxecto de cooperación cultural e desenvolvemento (o proxecto "Cultura+D").

O mellor sen dúbida é poder ser testemuña do proceso de cambio que experimentan os/as veciños/as do barrio de Santa Lucía e ter a oportunidade de acompañalos no proceso. Dende que cheguei en maio ata a actualidade puiden comprobar cambios significativos empezando polas actitudes das persoas que por exemplo antes comían no vertedoiro e agora, grazas ao programa, vanse decatando pouco a pouco de que a hixiene é necesaria para mellorar a súa calidade de vida.

Como afecta a situación política, económica, social e cultural do país ás túas funcións e ao teu día a día?
Eu non viaxei a outros países en vías de desenvolvemento, pero salta á vista que a situación social está baseada nos extremos. Hai moi pouca xente que ten moito e moita xente que non ten nada. É un país marabilloso pero a corrupción política, a falta de planificación e de políticos comprometidos co seu traballo e coa sociedade dominicana provocaron que non poida seguir desenvolvéndose para aumentar a calidade de vida do país. Ademais, a xente cre que nada vai cambiar. Cando as cousas van mal, adóitase dicir “estamos en Dominicana". Esta mentalidade ten que cambiar.

A nivel económico o prezo da cesta da compra é moi elevado e o salario mínimo dun obreiro rolda, sendo xeneroso, o equivalente a 100 euros. Se temos en conta que a familia dominicana é moi extensa, chegar a fin de mes convértese nunha verdadeira odisea, a xente como se di aquí ¨chiripea¨ ou pluriemprégase buscándose a vida, dende moi novos traballan deixando a un lado os estudos para poder apoiar á economía familiar, sen esquecernos das remesas, que son unha das principais fontes de ingresos do país.

A nivel cultural, a República Dominicana é moi rica. En España coñecemos a súa riqueza musical a través da bachata ou o merengue. Pero tamén despunta literaria e artesanalmente aínda que nos últimos tempos a cultura estadounidense está a pisar moi forte, en parte pola forte afluencia migratoria a Estados Unidos (en Nova York viven case tantos dominicanos/as como en Santo Domingo, principal núcleo de poboación do país) e tamén porque, dalgunha forma, ao non fomentar a cultura pola falta de medios, as persoas vanse desarraigando, perdendo o seu sentido de pertenza á comunidade o que os fai máis vulnerables a asimilar culturas foráneas.

Cales consideras que son os principais logros de Cooperación Galega nese país? Existe unha visualización do feito ata agora?
No referente ao programa en Santiago, antes comentábao, creo que un dos principais logros está a ser o cambio de actitude nas persoas do barrio. Recentemente a visita oficial dos representantes de Cooperación Galega puxo de manifesto a repercusión que está a ter o traballo no barrio, a cobertura da noticia na prensa local foi moi boa. Ademais, para reforzar a visualización, actualmente estase a desenvolver unha estratexia de comunicación que dá a coñecer publicamente os principais logros do Programa integral de melloramento do barrio de Santa Lucía.

Actualmente esperamos que en moi pouco tempo os veciños/as do barrio de Santa Lucía poidan contar xa con auga nos seus domicilios. Ademais, hai poucos días na visita institucional púxose a primeira pedra dun futuro centro comunal para os veciños/as. En canto a saúde, practicamente todos os nenos/as están vacinados, as mulleres revísanse periodicamente, hai un bo seguimento da etapa de embarazo e do desenvolvemento posterior dos nenos/as.

Como cres que se podería mellorar o traballo da cooperación galega no país?
En concreto opino que para mellorar o traballo da nosa cooperación é fundamental que se manteña o compromiso co Programa que se está a executar en Santiago de los Caballeros. Os cambios sociais hai que contemplalos a medio-longo prazo. É moito o conseguido ata a data, pero debemos apoiar este proceso de cambio e garantir un seguimento posterior que nos asegure que estes logros se manteñen.

Creo tamén que sería moi importante que se axilicen os procesos administrativos internos da Xunta de Galicia para ofrecer unha axuda máis rápida e eficiente. Na República Dominicana sensibiliceime acerca do positivo que sería simplificar os trámites pois, as entidades dedican moitos esforzos para cumprir cos esixentes procesos administrativos, o que moitas veces repercute na propia execución das actividades e véndose en moitas ocasións na situación de adiantar diñeiro para poder desenvolver as actividades programadas ata que os fondos chegan.

Algo no que se está a traballar actualmente dende o Programa é na visibilidade de todas as actividades. Sen dúbida, a recente visita institucional de Jesús Gamallo Aller, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, e Pilar Romero Rodríguez, subdirectora xeral de Cooperación Exterior do Goberno galego, contribuíu a reforzar este obxectivo, brindándolle unha maior difusión ao traballo e aos resultados, tanto aquí como en Galicia, onde supuxo un impulso para a sensibilización e a educación para o desenvolvemento.
Para concluír, algo que queiras comentar.
Gustaríame animar a todas as persoas que desexen traballar en cooperación para o desenvolvemento a que se presenten á convocatoria das bolsas, realmente é unha oportunidade para somerxerse neste mundo e unha experiencia vital da que se aprende moito.