Noticias de Cooperación Gallega
14/01/2010
Xeral

A Xunta achega 15.000 euros para axuda humanitaria aos damnificados polo terremoto de Haití

O Goberno galego, a través da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG), achegará 15.000 euros para mercar material de axuda humanitaria para os damnificados polo terremoto que asolou a illa caribeña de Haití. Como xa ocorreu en ocasións anteriores, coma os terremotos de Sumatra ou o furacán do Salvador, a FAHG realiza o seu traballo en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).

A obtención de información sobre as necesidades máis urxentes e reais de axuda estase a dificultar, xa que o subministro eléctrico está cortado en Haití e hai serias dificultades para contactar vía telefónica polo mal funcionamento das redes de telefonía móbil. Aínda así, desde a FAHG tense coñecemento de que unha experta da AECID estase a trasladar a Haití para avaliar e identificar as necesidades prioritarias. Espérase que hoxe ao mediodía a AECID convoque unha reunión de coordinación de actores que permita definir o destino final das axudas achegadas.

Por outra banda, o Centro de Atención ás Emerxencias- 112 Galicia enviou un fax aos distintos consorcios, concellos con parques de bombeiros e demais efectivos de atención e resposta ás emerxencias informando dunha solicitude do Ministerio do Interior para ofrecer axuda solidaria en Haití.

Entre outros, ofreceron a súa colaboración a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Estrada, con tres guías do Grupo de Cans de Rescate completamente equipados, a Asociación de Cans de Salvamento de Galicia, que dispón de catro equipos de busca e rescate integrados por can e guía e bombeiros do parque municipal da Coruña.

O terremoto de Haití, de magnitude 7 na escala Richter, ocasionouse nunha localidade situada a 15 quilómetros ao suroeste da capital do país, Porto Príncipe, e podería afectar a uns 4,9 millóns de persoas, nun país cunha poboación estimada en 9 millóns de habitantes. Ademais hai que destacar que Haití é o país máis pobre de América Latina e un dos máis densamente poboado do planeta compartindo indicadores de desenvolvemento humano típicos de países africanos