A Xunta achega preto dunha tonelada de material sanitario para os damnificados polo terremoto de Haití
O Goberno galego, a través da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG), achegará preto dunha tonelada de material sanitario de emerxencias para os damnificados polo terremoto que asolou o pasado martes a illa caribeña de Haití. Será a través de dous equipos valorados en máis de 10.000 euros e pertencentes ao Fondo de Emerxencias que a FAHG creou en colaboración coa ONG Farmamundi.
O envío farase a través do novo operativo que a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) decidiu nunha xuntanza celebrada co fin de facer fronte á catástrofe. O que se prevé é que este novo continxente, formado por dous avións de material humanitario, chegue ao centro de operación loxística da AECID na República Dominicana e de alí coordínese o envío a Haití.
En concreto, a FAHG enviará un equipo sanitario de emerxencias IEKH 06 e outro de acción inmediata, compostos por material sanitario, medicamentos e equipamento que se necesita con urxencia en situacións de desastre. O IEKH 06 pesa aproximadamente 830 kg e está pensado para cubrir as necesidades sanitarias dunha poboación de 10.000 persoas durante 3 meses, segundo ás recomendacións terapéuticas da Organización Mundial da Saúde (OMS). O seu contido está composto, entre outros, por medicamentos inxectables, antibióticos, formulacións pediátricas, xiringas, agullas, guantes, material de esterilización e de aprovisionamento de auga, etc.
Pola súa banda, o equipo de Acción Inmediata consiste nun equipamento lixeiro para brigada médica/ambulancia duns 100 kg de peso, que permite o seu traslado inmediato xunto coas brigadas sanitarias para que presenten asistencia nun primeiro momento sen depender da chegada de materiais. Este equipo componse de inxeccións, agullas, mantas isotérmicas, penicilina, apósitos, guantes de látex, etc.
Colaboración da Xunta
A FAHG pretende facilitar o mellor equipamento para os programas sanitarios de atención ás vítimas, debido á importancia da actuación nestes primeiros momentos da crise. Este envío súmase ao material de primeira necesidade -kits hixiénicos, kits de cociña, material de acubillo e sanitario-, valorado en 15.000 euros, cuxo envío se anunciou o pasado mércores.
Ademais, a Xunta de Galicia atendeu á petición de colaboración efectuada pola Cruz Vermella e destinará 10.000 euros a esta organización para contribuír ao envío a Haití do equipamento necesario para poñer en marcha unha planta que garanta o subministro de auga potable.