A cooperación exterior galega foi elixida como exemplo nun cumio internacional de seguridade alimentaria
- O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, expuxo o “Programa para a Formación da Pesca Artesanal en Centroamérica" desenvolvido pola Xunta de Galicia nun encontro organizado pola FAO, a Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas de Europa e o Goberno senegalés.
- O encontro estivo marcado pola gravísima crise humanitaria de Haití e a necesidade de mobilizar recursos e axuda.
- Jesús Gamallo tamén defendeu a necesidade de coordinar esforzos na reconstrución de Haití a medio prazo, unha vez superada a resposta inmediata á emerxencia
- O Cumio celebrouse en Dakar (Senegal) durante os días 18 e 19 de xaneiro
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, acudiu esta mañá como invitado a un cumio internacional de seguridade alimentaria celebrado en Dakar (Senegal) para explicar un programa de cooperación exterior do seu departamento relativo á pesca sostible. No Programa para a Formación da Pesca Artesanal en Centroamérica a Comunidade de Galicia, segundo o director xeral, ofrece a súa experiencia e coñecementos especializados en materia de pesca e acuicultura para impulsar a sustentabilidade do sector pesqueiro no istmo centroamericano, así como para mellorar o benestar e dignidade da súa poboación dedicada ao mar.
Neste sentido, Gamallo recoñeceu vital darlle unha orientación estratéxica á cooperación internacional ao desenvolvemento de Galicia; así como de poñer en valor as singularidades da Comunidade Autónoma. Por estas razóns, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE apoiou desde o principio ao Plan de apoio da pesca en Centroamérica (PAPCA), incluíndo nel o seu Programa de formación de pescadores artesanais. Neste Plan, dixo, “os coñecementos especializados en materia de pesca de Galicia, póñense ao servizo das institucións e colectivos centroamericanos con problemas similares".
Programa para a formación da pesca artesanal en Centroamérica
O Programa para a formación da pesca artesanal en Centroamérica (PROFOPAC) está financiado pola Cooperación Galega e executado a través do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, en colaboración con gobernos locais da rexión. A súa área de aplicación cobre sete países do istmo centroamericano -O Salvador, Honduras, Guatemala, Nicaragua, Panamá, Costa Rica e Belice- e o seu período de execución foi de marzo de 2007 a decembro de 2009; aínda que agora mesmo goza dunha prórroga técnica ata abril de 2010.
O obxectivo fundamental deste programa é elevar o nivel de cualificación e formación do sector a pesca artesanal como unha estratexia para apoiar o desenvolvemento económico, social e ambiental da rexión, garantindo a seguridade alimentaria. O colectivo beneficiario está formado por todos os axentes implicados na xestión e comercialización dos recursos pesqueiros, como institucións, formadores, pescadores e comerciantes.
Neste sentido, o programa consta de tres liñas de actuación fundamentais: o reforzo institucional, o apoio aos pescadores artesanais e a formación de formadores. Trátase de que as áreas de traballo sexan definidas de forma conxunta polos países participantes e que as súas correspondentes administracións seleccionen cinco comunidades pesqueiras por país para formalas con persoal cualificado e que acaden a súa “profesionalización" e un certificado de “pescador artesanal". O orzamento total para estas actividades foi de 842.000 euros.
Situación de Haití
A crise humanitaria de Haití, e particularmente a grave situación do pais caribeño tras o terremoto que o asolou a semana pasada, centraron as intervencións dos representantes das rexións do mundo no Cumio de Dakar, que coincidiron na necesidade de mobilizar recursos e axuda humanitaria á rexión. Así, durante a súa intervención, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, fixo un inciso sobre a situación de Haití e manifestou o compromiso de Galicia co pais, ao que se enviou material de primeira necesidade e máis dunha tonelada en material sanitario. Gamallo aproveitou a súa intervención para salientar a necesidade de coordinar os esforzos dos axentes de cooperación estatais e rexionais na reconstrución do país, unha vez superada a actual situación de emerxencia humanitaria.
O Cumio das Rexións do Mundo sobre Seguridade Alimentaria durou dos días e estivo organizado pola FAO (Organización de Nacións Unidas sobre Agricultura e Alimentación), a Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas de Europa (CRPM) e o Goberno de Senegal. O seu obxectivo operativo era forxar alianzas entre rexións e entre rexións e donantes para a mellora da seguridade alimentaria mundial.