Noticias de Cooperación Gallega
22/01/2010
Xeral

Resposta da Xunta de Galicia ante o terremoto en Haití

PRIMEIRA REACCIÓN DA XUNTA DE GALICIA

A primeira hora da mañá do mércores 13 de xaneiro, despois de coñecer o acaecido a última hora do martes en Haití, dende a Fundación Pública Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG) establecemos contacto coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) para coñecer o alcance da catástrofe e comezar a coordinación do operativo de envío de axuda.
Ao longo da mañá, e unha vez tomada a decisión por parte AECID de montar un operativo de resposta ante esta emerxencia, dispuxemos unha primeira achega de 15.000 € para a compra de material de primeira necesidade (Kits hixiénicos, material de acubillo e sanitario). Este material saíu cara Haití dende o Centro Loxístico que a AECID ten en Panamá.
Debido a magnitude que vai alcanzando a catástrofe, o día 15 de xaneiro a AECID pon en marcha un novo operativo de axuda no que a Xunta de Galicia, a través da FAHG participa co envío de material médico sanitario por valor de 10.200 €. Este material forma parte dun stock que como fondo de emerxencias a FAHG ten en Valencia grazas a un convenio asinado coa ONGD Farmamundi. Este material saíu de Madrid cara a República Dominicana o sábado 16 de xaneiro.
Adicionalmente a última hora do venres, e ante as informacións de carencia de auga potable en Haití, aprobouse outra achega de 10.000 € para apoiar á Cruz Vermella na compra e traslado a terreo dunha Unidade de Resposta Urxente (ERU) dotada de módulos de auga e saneamento.
Como parte do último operativo montado pola AECID ata o momento, esta madrugada desprazáronse ao terreo 2 bombeiros galegos pertencentes a Asociación Bombeiros de Galicia, no marco dun convenio de colaboración que esta asociación asinou coa organización catalá FADEI. Como apoio para esta viaxe a FAHG subministrou o material solicitado, como máscaras dobre filtro 3m, guantes de látex, caixas de primeiros auxilios persoais para cada un deles e dúas tendas de campañas, por valor de 800 €.
Desta maneira, a día de hoxe venres 22 de xaneiro, a achega da Xunta de Galicia ascende a 36.000 €.

A primeira convocatoria de proxectos de axuda humanitaria prioriza Haití.
O Consello da Xunta do día 21 de xaneiro deu o seu visto e prace á resolución da Axencia Humanitaria de Galicia pola que, por vez primeira, se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de axuda humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.
A resolución axilizouse para poder iniciar canto antes os proxectos de reconstrución en Haití, tras o devastador terremoto que asolou a illa, polo que se priorizarán as propostas dirixidas a este país caribeño.
O crédito do que se dispón para a dotación desta convocatoria é de 300.000 euros, aínda que posteriormente se podería ver incrementada a dotación con achegas posteriores.