Noticias de Cooperación Gallega
22/01/2010
Xeral

A Xunta de Galicia convoca por vez primeira subvencións para executar proxectos de axuda humanitaria priorizando Haití

O Consello da Xunta deu hoxe o seu visto bo á resolución da Axencia Galega Humanitaria de Galicia pola que, por vez primeira, se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de axuda humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

O obxectivo das bases é regular a concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais (ONG), entidades sen fins de lucro e comunidades galegas no exterior para a execución de proxectos de axuda humanitaria no exterior. A resolución axilizouse para poder iniciar canto antes os proxectos de reconstrución en Haití, tras o devastador terremoto que asolou a illa, polo que se priorizarán as propostas dirixidas a este país caribeño.

Enténdese por proxectos de axuda humanitaria aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e mellorar as condicións de vida das poboacións afectadas polas crises humanitarias, desastres, conflitos e enfermidades endémicas e epidémicas, garantindo a preparación previa, a prevención e os traballos de rehabilitación e reconstrución. O crédito do que se dispón para a dotación desta convocatoria é de 300.000 euros, aínda que posteriormente se podería ver incrementada a dotación con outras achegas.

Poderán optar ás subvencións ás organizacións non gobernamentais, entidades sen fins de lucro e comunidades galegas no exterior, que teñan entre os seus fins o desempeño de accións de axuda humanitaria. A execución dos proxectos deberá rematar antes do 30 de decembro de 2010, deben identificar socios locais que participen na súa execución, deben redundar na mellora das condicións de vida das poboacións beneficiarias e deben incluír un orzamento detallado.

Condicións das axudas
A Fundación Pública Axencia Humanitaria de Galicia poderá financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto e a subvención non superará os 90.000 euros. As axudas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns, sempre e cando a suma de todas as subvencións obtidas non supere o custo do proxecto.

Serán gastos subvencionables os custos directos imprescindibles para a posta en marcha do proxecto e os vinculados á súa execución, e a efectos da concesión da axuda terase en conta a construción ou reforma en inmobles e infraestruturas, os equipos e subministracións e o persoal implicado. Tamén os custos indirectos, gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte, que resultan da formulación e execución do proxecto, así coma da difusión e seguimento en Galicia.

Os proxectos que cumpran os requisitos serán avaliados tendo en conta distintos criterios, como a experiencia en accións humanitarias da entidade solicitante, a súa capacidade de execución, aspectos relacionados co socio local e co propio contido do proxecto, como a súa pertinencia, a coherencia dos obxectivos, a poboación beneficiaria, o impacto ambiental e de xénero ou o fortalecemento das capacidades locais. Ademais, serán prioritarios aqueles proxectos destinados á reconstrución de Haití