Noticias de Cooperación Gallega
04/02/2010
Xeral

A Fundación Axencia Humanitaria de Galicia contribuirá a dotar de material de emerxencia o centro loxístico humanitario da cooperación española en Panamá

A Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG) achegará 65.000 euros para dotar de material de emerxencia o Centro Loxístico Humanitario da Cooperación Española en América Latina, con sede en Panamá. O destino deste fondo é asegurar a cobertura das necesidades máis inmediatas e básicas da poboación latinoamericana afectada por catástrofes como a que ocorreu recentemente en Haití.

Así o recolle un protocolo de colaboración que asinaron onte o director xeral de Relacións Exteriores e coa U.E, Jesús Gamallo, e a secretaria de Estado para a Cooperación Internacional e presidenta da Axencia Española de Cooperación Internacional par ao Desenvolvemento (AECID), Soraya Rodríguez. O material de emerxencias e acción humanitaria que se prevé financiar con este acordo son kits hixiénicos, mosquiteiros, kits de cociña, material de acubillo e de auga e saneamento.

Trátase dun protocolo adicional a un Convenio marco de colaboración en materia de emerxencias e acción humanitaria -firmado entre a FAHG e a AECID o pasado decembro- co obxecto de servir de base para a elaboración de protocolos adicionais e actuacións concretas nas citadas materias.

O protocolo permitirá continuar coa colaboración e a coordinación de resposta ante emerxencias entre a FAHG e a AECID, tal e como se ven facendo nos últimos acontecementos que requiriron deste tipo de actuación. Así ocorreu no caso da ofensiva militar a Gaza, en xaneiro de 2009; en Filipinas ou Sumatra, tras as inundacións e o terremoto do pasado ano; no furacán Ida, que afectou ao Salvador; e coas primeiras achegas ao día seguinte do terremoto de Haití. Ademais, con este protocolo mellorarase a capacidade de resposta áxil e rápida ante os desastres que se poidan producir na rexión latinoamericana.

O Centro loxístico humanitario da cooperación española en América Latina foi inaugurado en 2008 co fin de dar unha rápida resposta ao elevado índice de desastres que de maneira recorrente sufre Centroamérica, o Caribe e parte de América Latina, e que poderían acentuarse nas próximas décadas. A súa localización en Panamá ofrece grandes avantaxes comparativas para establecer unha rede loxística adecuada: identificación de provedores humanitarios, servizos de almacenaxe e facilidades para o transporte de mercancías.

Conferencia Sectorial de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento
A sinatura deste convenio foi onte, trala primeira reunión da Conferencia Sectorial de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento en Madrid, á que acudiu o director xeral de Relacións Exteriores e coa U.E, Jesús Gamallo.

Esta comisión, constituída formalmente o 28 de outubro de 2009, ten como obxecto servir como foro de encontro para instrumentar, como órgano de cooperación para o desenvolvemento, a necesaria coordinación que ten que existir entre a Administración Xeral do Estado, a Administración das Comunidades Autónomas e a Administración Local. Esta constituída polo ministro de Asuntos Exteriores e de Cooperación, Miguel Ángel Moratinos, os dezasete conselleiros autonómicos responsables do ámbito de cooperación ao desenvolvemento e por tres representantes da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Entre os temas que serán tratados na reunión destacan o informe sobre o mecanismo de representación das CC.AA. en citas internacionais relacionadas coa cooperación para o desenvolvemento, o avance das actividades en Presidencia española da U.E., a avaliación do Plan anual da cooperación española 2010 e a situación en Haití, relativo ás emerxencias e os plans de reconstrución.