A Fundación Axencia Humanitaria de Galicia aproba os dous primeiros proxectos de axuda humanitaria para Haití
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, anunciou que a Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG) xa aprobou dous proxectos de axuda humanitaria para Haití, polo que as ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz e Solidariedade Internacional de Galicia recibirán 41.914,43 e 51.566,28 euros, respectivamente. Estes son os dous primeiros proxectos que recibiron o visto e prace dentro da convocatoria de subvencións para iniciativas humanitarias no exterior 2010, aprobada hai menos dun mes polo Consello da Xunta de Galicia e que conta inicialmente cun crédito de 300.000 euros.
O proxecto resolto e aprobado a Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), baixo o título “Axuda de emerxencia á poboación damnificada polo terremoto en Jacmel, Haití" , ten por obxecto reducir as condicións de vulnerabilidade da poboación afectada polo terremoto nesta zona de Haití, a través da cobertura das súas necesidades básicas de auga, material de cociña, refuxio, hixiene, saneamento e roupa. Desta intervención beneficiaranse directamente 875 persoas e indirectamente 40.000.
Pola súa banda, o proxecto resolto e aprobado a Solidariedade Internacional de Galicia titúlase “Intervención de post- emerxencia na sección comunal de Bainet, departamento do sureste de Haití". O proxecto busca mellorar as condicións de refuxio das persoas afectadas polo terremoto neste territorio, para o cal se disporá de tendas de refuxio temporal, sabas, colchóns, mosquiteiros, kits hixiénicos de alimentos e de cociña, beneficiando directamente a unhas 700 persoas e indirectamente a 35.000.
Resposta inmediata á emerxencia de Haití
Respondendo a unha pregunta parlamentaria, Gamallo lembrou que a achega da Xunta de Galicia “en resposta inmediata" á emerxencia de Haití foi de 36.200 euros. Así, o primeiro ofrecemento, en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), foi de 15.000 euros que se adicaron a kits hixiénicos, kits de cociña e material de acubillo. Esta achega, horas despois do sinistro, realizouse sen coñecer con exactitude a magnitude da traxedia debido aos problemas de comunicación pero, segundo o director, é superior á maioría das achegas de primeira resposta realizadas pola FAHG nos últimos anos -o ciclón de Myanmar, o terremoto de China ou os furacáns de Cuba e Haití-.
Unha vez determinadas as necesidades urxentes, a FAHG puxo a disposición da AECID máis dunha tonelada de material sanitario valorado en 10.500 euros e pertencente ao Fondo de Emerxencias que a Fundación creou en colaboración coa ONG Farmamundi. Ademais, tamén atendeu a petición de colaboración efectuada pola Cruz Vermella e destinou 10.000 euros a esta organización para contribuír ao envío a Haití do equipamento necesario para poñer en marcha unha planta potabilizadora de auga. Finalmente, a FAHG apoiou con material por valor de 700 euros a dous bombeiros galegos que viaxaron nun grupo operativo conformado pola organización catalá FADEI.
Centro Loxístico Humanitario da Cooperación Española en América Latina
Doutra banda, o director xeral informou que o pasado 4 de febreiro, a Fundación asinou un convenio de colaboración coa AECID polo que se achegarán 65.000 euros para dotar de material de emerxencia o Centro Loxístico Humanitario da Cooperación Española en América Latina, situado en Panamá. O destino deste fondo será asegurar a cobertura das necesidades máis inmediatas e básicas da poboación latinoamericana afectada por catástrofes como a que ocorreu en Haití.
Como complemento destas axudas, Gamallo lembrou que dentro da convocatoria anual da Consellería de Presidencia para a concesión de subvencións a proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior das ONGD e doutros axentes de cooperación -que proximamente se vai publicar- poderanse presentar proxectos para desenvolver en Haití ao longo dos anos 2010-2011. “Haití será considerado de tratamento preferente para a Cooperación Galega mentres as condicións do país así o requiran", garantiu Gamallo.