Noticias de Cooperación Gallega
08/03/2010
Xeral

Aprobado por unaminidade o II Plan director da Cooperación Galega

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presentou o pasado venres o II Plan director de Cooperación Galega para o desenvolvemento para o período 2010-2013 aos tres órganos asesores da cooperación galega para o desenvolvemento. Este Plan director pretende ser unha ferramenta útil, compartida por toda a sociedade galega, que lle permita a Galicia realizar unha contribución eficaz e ordenada aos procesos de desenvolvemento dos países do sur.
Os criterios xerais que van inspirar a política de cooperación do Goberno galego son os seguintes: eficacia da axuda, previsibilidade e concentración dos recursos, transparencia na xestión, coherencia das actuacións, participación social e coordinación de actores.
A definición dos propósitos estratéxicos estrutúrase arredor de tres grandes ámbitos estratéxicos de actuación: a contribución á redución da pobreza colaborando na consecución dos ODM (Obxetivos de Desenvolvemento do Milenio) e promovendo o desenvolvemento nos países do sur; a mellora da calidade da axuda incorporando de forma máis efectiva os principios da Axenda de París; e a promoción na sociedade galega da conciencia solidaria respecto á realidade do sur e da súa participación efectiva na promoción do desenvolvemento.
O novo Plan director establece os seguintes países cara aos que se orientará en maior medida (un mínimo dun 80% dos recursos) o esforzo do sistema galego de cooperación: Cabo Verde, Guinea Bissau e Mozambique, así como a poboación saharauí (en África), Bolivia, Ecuador e Perú (en América do Sur), Haití e República Dominicana (no Caribe) e Guatemala, O Salvador, Honduras e Nicaragua (en Centroamérica).
Por outra banda, este novo plan establece oito prioridades sectoriais, de acordo coas que establece a propia lei galega: a cobertura de necesidades sociais básicas, a infraestrutura e promoción do tecido económico, a participación social, desenvolvemento institucional e bo goberno, a acción humanitaria, a educación para o desenvolvemento, o investimento no ser humano, a xestión ambiental sustentable e hábitat e a consolidación e fortalecemento dos axentes de cooperación.
As convocatorias públicas de axudas para actividades de cooperación continuarán sendo a forma de canalización de fondos máis importante da Cooperación Galega, destacando como novidade a convocatoria específica para proxectos de educación para o desenvolvemento entendendo que este ámbito de actuación inclúe as actividades de formación, sensibilización, investigación e mobilización.
Manteranse igualmente o resto dos instrumentos a través dos que se canalizan os fondos de cooperación: a cooperación directa da Xunta de Galicia cos seus propios recursos que pretende incrementar de forma pautada tratando de que a súa evolución sexa o máis consistente e previsible posible; convenios de cofinanciamento con outras entidades; plans operativos Xunta de Galicia - AECID encadrados no Convenio Marco asinado entre a Xunta de Galicia e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) o 3 de xullo de 1998; bolsas de formación e contratación de persoal experto, articuladas mediante a convocatoria correspondente, e a Fundación Axencia Humanitaria Galega (FAHG), que constitúe un mecanismo de canalización de fondos, xa que lle corresponde a xestión da acción humanitaria que leva a cabo a Xunta de Galicia.