Noticias de Cooperación Gallega
26/03/2010
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores e coa U.E. presentou ao sector a orde reguladora de concesión de subvencións a proxectos de cooperación do 2010

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presentou ao sector da cooperación exterior a orde reguladora de concesión de subvencións a proxectos de cooperación, que foi aprobada polo Consello da Xunta o pasado día 11 de marzo e publicado no Diario Oficial de Galicia o luns 22 de marzo.
A orde establece o marco normativo que regulará a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento para distintos tipos de proxectos. Así, subvencionaranse proxectos no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (ONGD), proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación, actividades de educación para o desenvolvemento realizadas polas ONGD, e proxectos de consolidación e fortalecemento das ONGD.
A convocatoria ten carácter plurianual (2010-2011) e financiarase cun importe total de cinco millóns de euros, de tal xeito que se aumenta a dotación orzamentaria nun 12,4 por cento con respecto ao ano 2009. O director xeral de Exteriores explicou os detalles da orde aos representantes das organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, empresarios, sindicatos e universidades.

Plan director de cooperación

Segundo recolle o II Plan director de cooperación galega 2010-2013, as convocatorias públicas de axudas serán o principal instrumento de canalización de recursos para actividades de cooperación ao desenvolvemento ao longo deste período. Este Plan director nace coa vocación de asentar un modelo galego de cooperación, propio e singular, integrado internacionalmente, a través do que a Xunta de Galicia asume a responsabilidade de liderar a promoción dunha política de axuda internacional ao desenvolvemento, articulando e coordinando os esforzos dos actores da cooperación galega e facilitando que se estenda ao conxunto da cidadanía galega unha conciencia de solidariedade e de responsabilidade con respecto ás posibilidades de progreso dos pobos máis pobres do planeta
Para obter máis información sobre esta convocatoria de axudas pódese consultar a páxina web da cooperación galega, www.cooperaciongalega.org , así como formular os problemas, dúbidas ou aclaracións pertinentes na propia Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.es
As solicitudes para estas axudas poderán presentarse na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE (rúa Feáns, 5, baixo, 15705 Santiago de Compostela) no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
A valoración das solicitudes estará ao cargo dunha comisión avaliadora formada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, en calidade de presidente, e tres funcionarios deste departamento, que actuarán como secretario e vogais.