Noticias de Cooperación Gallega
23/03/2010
Xeral

Publicación da orde de convocatoria de subvencións para proxectos de cooperación, educación ao desenvolvemento e fortalecemento

O 22 de marzo publicouse a Orde do 11 de marzo, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, para actividades de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de desenvolvemento

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:

• proxectos no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGD)
• proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento (universidades, empresas, sindicatos, fundacións, comunidades galegas, etc)
• actividades de educación para o desenvolvemento realizadas polas ONGD
• proxectos de consolidación e fortalecemento das ONGD.

O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 22 de abril.

A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior de ONGD ven publicándose dende o ano 1995; a de axudas para proxectos de sensibilización e formativas (que agora pasa a ser de educación para o desenvolvemento), dende o ano 1996; a de axudas para proxectos no exterior de outros axentes, dende o ano 2003; e a de axudas para proxectos de consolidación e fortalecemento de ONGD, dende o ano 2004. Desde o ano 2008, as bases reguladoras das convocatorias das 4 modalidades de proxectos publícanse conxuntamente nunha única convocatoria.

O período de execución é bianual e corresponde aos anos 2010 e 2011 e conta cunha dotación orzamentaria de 5.000.000 € (2.435.000€ no 2010 e 2.565.000€ no 2011) desagregados como segue:
• Proxectos no exterior de ONGD: 3.350.000 € (1.675.000€ cada ano)
• Proxectos no exterior doutros axentes: 1.000.000 € (500.000€ cada ano)
• Actividades de educación para o desenvolvemento: 400.000 € (160.000€ no 2010 e 240.000€ no 2011)
• Proxectos de consolidación e fortalecemento de ONGD: 250.000 € (100.000€ no 2010 e 150.000€ no 2011)

A principal novidade desta convocatoria é que se enmarca no II Plan director da cooperación galega 2010-2013 e recolle os principios que inspiran o citado plan, fundamentalmente os seguintes:

- A aposta por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación.
- Unha cooperación máis selectiva, de maior impacto e presenza, concentrada xeográfica e sectorialmente, que redundará nunha maior visibilidade da Cooperación Galega.
- Unha maior orientación estratéxica coa posta en valor das vantaxes diferenciais de Galicia (cooperación en sectores nos que Galicia pode ofrecer unha experiencia e coñecementos específicos como a pesca, cooperación en países de fala lusófona ou naqueles latinoamericanos onde hai cultura de cooperación dos nosos axentes, etc.).
- A aposta polo fortalecemento do sistema galego de cooperación a través da mellora das capacidades técnicas e operativas da propia Xunta e dos axentes de cooperación, especialmente das comunidades galegas no exterior, que por primeira vez serán obxecto dunha formación específica para que poidan formular proxectos de cooperación de calidade nos seus países respectivos e así obter financiamento con independencia de se os países nos que se atopan entre os prioritarios.

Como novidades concretas das convocatorias do 2010 respecto das de anos anteriores pódense sinalar as seguintes:

- Auméntase a dotación orzamentaria total das convocatorias deste ano respecto das convocatorias do 2009 nun 12,36 %. Isto é consecuencia do compromiso de dedicar un 60% do orzamento 2010 ás convocatorias públicas de axudas.
- A dotación para subvencións para proxectos de cooperación no exterior, aumenta nun 14,47% (ONGD nun 11,67% e outros axentes nun 25%). As outras dúas convocatorias manteñen a súa dotación orzamentaria respecto ao ano anterior.
- Os países prioritarios recórtanse en 5 respecto aos anos anteriores, de acordo coa proposta do II Plan director da cooperación galega 2010-2013, dándolle prioridade aos seguintes 12 países: Bolivia, Ecuador, Perú, Haití, República Dominicana, Guatemala, O Salvador, Honduras e Nicaragua (en América), Cabo Verde, Guinea Bissau e Mozambique, así coma a poboación saharauí (en África).
- As prioridades sectoriais e as prioridades transversais, defínense de acordo coas que recolle o II Plan director, tendo como principal novidade a consideración da interculturalidade como prioridade transversal.
- Poténcianse a agrupación de entidades, dándolles unha maior valoración que na convocatoria 2009, nos proxectos no exterior e nos de educación para o desenvolvemento.
- Unifícase para todos os axentes de cooperación o importe máximo da subvención concedida nos proxectos no exterior (175.000€ para unha entidade, 350.000€ para unha agrupación de entidades).