O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE recibe ás novas bolseiras e bolseiros de cooperación
No día de hoxe tivo lugar na sala de xuntas da sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE a xornada de presentación dos adxudicatarios das catorce bolsas de formación en cooperación ao desenvolvemento convocadas para o ano 2010.
A xornada iniciouse co saúdo do director xeral, Jesús Gamallo, aos novos bolseiros e bolseiras, aos que felicitou por superar un proceso de selección de cento quince solicitantes.
Na súa intervención, o director xeral fixo referencia á importancia da formación de persoal experto no ámbito de cooperación ao desenvolvemento, recollida no obxectivo do novo Plan director da cooperación galega 2010-2013 -aprobado por unanimidade dos órganos de coordinación e asesoramento da cooperación galega, o pasado 5 de marzo- de fomentar a formación nos ámbitos de cooperación ao desenvolvemento.
Referiuse tamén o director xeral á utilidade deste instrumento para facilitar aos bolseiros unha experiencia no terreo, no caso dos destinados no exterior, ou a posibilidade de que podan familiarizar cos procedementos administrativos dunha estrutura gobernamental, no caso dos destinados na sede da dirección xeral, o beneficio para a Administración por ser un investimento que terá un retorno a medio e longo prazo para todo o sistema de cooperación e por reforzar tamén a relación entre a Xunta e outras institucións a través das cales se articulan estas bolsas, ao ser este un modo concreto de dar forma a acordos de colaboración beneficiosos para ambas as partes que poden facer máis eficaz a cooperación.
Finalmente, Jesús Gamallo sinalou que os novos bolseiros entran a formar parte da familia dos cooperantes galegos polo que lles corresponde ser embaixadores da Cooperación Galega alí onde vaian, realizando un labor solidario e achegando a súa contribución á construción dun mundo no que a xustiza e a igualdade non sexan só palabras e boas intencións e desexoulles a todas/os que a experiencia que van vivir sexa o máis satisfactoria posible, tanto no ámbito da formación coma no persoal.
A xornada continuou coa participación dos responsables da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior e da Axencia Humanitaria de Galicia, que informaron aos bolseiros e bolseiras das tarefas que realizan os distintos servizos da subdirección xeral e das actuacións da Axencia Humanitaria de Galicia. Tamén se realizou unha presentación das dúas iniciativas de desenvolvemento integral que está a financiar a Xunta de Galicia en Guatemala e República Dominicana.
Os novos bolseiros/as incorporaranse a diferentes destinos en distintos organismos nacionais e internacionais de cooperación ao desenvolvemento en países prioritarios da cooperación galega: catro deles recibirán a formación na sede da dirección xeral (que inclúe unha estancia no exterior dun máximo de dous meses), 7 incorporaranse a distintas oficias técnicas de cooperación da AECID en Latinoamerica e África, concretamente en Nicaragua, Guatemala, O Salvador, Perú, Bolivia e Ecuador e mais Mozambique, unha bolseira incorporarase á Iniciativa de desenvolvemento integral de mellora do barrio de Santa Lucía na República Dominicana e outros dous aos organismos multilaterais de Nacións Unidas: FAO, na súa representación en Nicaragua e Unifem, na sede de Ecuador.
A xornada de presentación dos bolseiros continuará o vindeiro xoves cunha vista a sede da AECID en Madrid.