O Consello da Xunta aproba o II Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2010-2013 e o Plan anual 2010
O Consello da Xunta ven de aprobar o II Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2010-2013 que aposta por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación, facéndoa máis selectiva, concentrada sectorialmente, cunha programación mellor estruturada e con compromisos claros e concisos.
O documento busca unha maior orientación estratéxica coa posta en valor das vantaxes diferenciais de Galicia. Neste sentido, propón a cooperación en sectores nos que a comunidade galega poida achegar unha experiencia e coñecementos específicos, como a pesca ou a acuicultura, así como a colaboración con países de fala lusófona ou aqueles latinoamericanos onde hai cultura de cooperación dos nosos axentes.
Ademais, relacionado tamén coa aposta da Xunta de Galicia polo fortalecemento do sistema galego de cooperación, fomenta a integración máis activa das comunidades galegas nas intervencións de desenvolvemento. O obxectivo é que estes axentes de cooperación poidan formular proxectos de calidade nos seus países respectivos e así obter financiamento con independencia de que se atopen ou non en territorios cualificados como prioritarios. Así mesmo, para mellorar as capacidades técnicas e operativas da propia Administración galega o plan prevé elaborar unha proposta de creación dunha Axencia Galega de Cooperación.
Polo que respecta ás prioridades xeográficas, o novo Plan director establece como países prioritarios a Cabo Verde, Guinea Bissau e Mozambique, xunto á poboación saharauí, en África; Perú, Ecuador e Bolivia, en América do Sur; Haití e República Dominicana, no Caribe; e Honduras, O Salvador, Nicaragua e Guatemala, en Centroamérica.
Axudas públicas para canalizar os fondos
A principal forma de canalizar efectivamente os fondos destinados a cooperación que recolle o novo plan director serán as convocatorias públicas de axudas e subvencións; o pasado 11 de marzo o Consello da Xunta aprobou catro convocatorias de axudas a proxectos de cooperación cun orzamento de cinco millóns de euros. Así mesmo, estas axudas públicas convivirán coa cooperación directa, a que realiza a Xunta cos seus propios recursos técnicos, e cos convenios de cofinanciamento con outras entidades para a posta en práctica de actividades de cooperación.
No plano económico, o escenario orzamentario previsto neste II Plan director da cooperación galega 2010-2013 é o de incrementar paulatinamente os recursos para cooperación co obxectivo de que, ao final do plan, e se a evolución económica así o permite, se acade, como mínimo, un incremento de entre un 50% e u 100% dos recursos dedicados á cooperación en 2009.
O II Plan director para a cooperación galega para o desenvolvemento 2010-2013 pretende ser unha ferramenta útil, compartida por toda a sociedade galega, que lle permita a Galicia realizar unha contribución eficaz e ordenada aos procesos de desenvolvemento dos países do sur, partindo do recoñecemento das dificultades que para todos representan as especiais condicións económicas que caracterizan o momento presente.
Así, unha vez analizadas as debilidades e deficiencias do anterior plan, o correspondente ao período 2006-2009, os criterios que van inspirar a política de cooperación do Goberno galego nos vindeiros anos serán a eficacia e a concentración da axuda, a previsibilidade e o aumento dos recursos, a transparencia na xestión, a coherencia de actuacións, a participación social e a coordinación de actores.
O plan foi informado positivamente, por unanimidade, polos órganos de coordinación e asesoramento da cooperación galega nas reunións celebradas o pasado 5 de marzo e a continuación, tras a aprobación esta mañá polo Consello da Xunta, presentarase ante o Parlamento galego para a súa aprobación definitiva.
Plan anual 2010
Por outra banda, o Consello da Xunta aprobou tamén o Plan anual 2010 de cooperación galega para o desenvolvemento, no que se recollen o conxunto de actuacións que a Xunta de Galicia vai desenvolver no eido da cooperación ao desenvolvemento durante este ano, o primeiro de vixencia do II Plan director.
O Plan 2010 foi elaborado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e conta cun orzamento de 10.206.804 euros, dos cales 300.000 serán achegados pola Consellería do Mar. Nel recóllese que o recorte orzamentario destinado a cooperación exterior non afectarán ás dotacións financeiras das convocatorias públicas de subvencións, que suporán no seu conxunto máis do 60% do total dedicado á cooperación ao desenvolvemento este ano. Tampouco afectarán aos compromisos adquiridos nas resolucións de convocatorias públicas de axudas e nos convenios asinados en anos anteriores con anualidade 2010.
Neste sentido, xa se publicaron as convocatorias públicas para proxectos de cooperación no exterior, actividades de educación para o desenvolvemento, proxectos de fortalecemento e consolidación de ONGD e, en breve, publicaranse as axudas a microproxectos no exterior promovidos por organizacións non gobernamentais. Ademais, os convenios de cofinanciamento de actuacións utilizaranse para dar continuidade ás iniciativas de desenvolvemento integral que desde o ano 2008 se están levando en Guatemala e república Dominicana; así como para o programa sectorial de apoio á pesca artesanal en Centroamérica, en colaboración coa Consellería do Mar, e para a posta en marcha de novos programas en Cabo Verde ou Mozambique.
Por outra banda, a Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG) é obxecto dun apartado específico no Plan 2010 no que destacan as seguintes novidades: a publicación dunha convocatoria aberta e permanente de axudas para accións humanitarias; a creación dun Fondo de emerxencias dotado economicamente e de material; a implementación dun Plan de formación para profesionais e organizacións galegas de acción humanitaria e a elaboración dun protocolo de actuación conxunta ante emerxencias que asegure a coordinación e complementariedade entre todos os doantes.