A Consellería de Presidencia ven de asinar un convenio co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para apoiar a realización do Plan de sensibilización 2010: unha rede do século XXI
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda e o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Alfredo Novoa, asinaron un convenio por un importe de 60.000€
O Plan de sensibilización 2010 do fondo divide a súa proposta en tres obxectivos específicos. Dunha banda, a profesionalización do traballo comunicativo do Fondo – que fai dentro e fóra de Galicia- sensibilizando da poboación, reforzando a motivación dos socios e transmitindo unha imaxe de transparencia. Doutra banda, a ampliación dos recursos a disposición dos socios, renovando e innovando, a fin de poder implementar actividades nos seus territorios, aproveitando todo o potencial que supón o feito de constituír a Administración máis próxima da cidadanía. Finalmente, o reforzo da rede humana e organizativa, pois dela depende a calidade das accións desenvolvidas.
O Plan de sensibilización 2010 destínase ao persoal político e técnico de cada unha das entidades asociadas, e, indirectamente, a todo o apartado técnico dos socios. O coste do proxecto é de 73.145,00 €, dos que a Xunta subvenciona máis do 80% da intervención.
O Fondo
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade naceu no 1997 produto da vontade integradora das políticas de cooperación ao desenvolvemento no ámbito da cooperación oficial descentralizada. Fai parte da Confederación Española de Fondos dende o 2001.
O Fondo Galego é unha asociación de carácter municipalista que agrupa a 98 concellos galegos e as catro deputacións provinciais, sumando un total de 102 asociados. Representa unha institución autonómica producida polo municipalismo, impulsado polo IGADI e a FEGAMP, sen exclusións políticas de ningún tipo, que permite o convivio das tres forzas políticas máis representativas de Galicia, e doutros partidos de menor dimensión territorial, dende hai 12 anos.
O Fondo olla o horizonte co capital da experiencia coma un dos seus valores fortes e conta con máis de cento vinte proxectos implementados en máis de vinte países, nos que destacan as intervencións en América Latina e África.