Noticias de Cooperación Gallega
20/05/2010
Xeral

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza asina un convenio coa Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento, para a execución do Plan estratéxico no ano 2010 da CGONGD

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o presidente da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento, Xosé Mª Torres, asinaron un convenio para a execución do Plan estratéxico no ano 2010 da CGONGD

O proxecto promoverá o fortalecemento da coordinadora a través de diferentes actividades, tales como a consolidación de un equipo profesional, a realización de diferentes seminarios, conferencias e xornadas así como unha serie de actividades encamiñadas a mellorar a visibilidades da cooperación galega ao desenvolvemento e a comunicación externa das ONGD.

O custe do proxecto, a desenvolver durante o ano 2010, ascende a 102.000,00 €, dos que a Xunta de Galicia financiará 90.000,00 €

Este convenio ven dar continuidade á colaboración que a Xunta de Galicia mantén coa Coordinadora no ámbito de sensibilización e fortalecemento institucional dende 2001. Nos últimos seis anos, no ámbito de sensibilización e fortalecemento, o importes das subvencións concedidas pola Xunta á Coordinadora Galega de ONG en materia de cooperación ao desenvolvemento ascende a 472.634 €

A Coordinadora Galega de ONGD
A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, fundouse no ano 1991 e na actualidade agrupa a 48 ONGD. Nos seus estatutos recolle entre os seus fins a cooperación para o desenvolvemento das comunidades desfavorecidas da Terra; o desenvolvemento de actividades de sensibilización, formación e reivindicación sobre aspectos que afecten á cooperación para o desenvolvemento; a promoción e coordinación de actividades conxuntas entre as organizacións que forman parte da coordinadora; o enlace entre as distintas organizacións integrantes da coordinadora; a defensa diante de terceiras partes dos intereses da cooperación e desenvolvemento dos pobos e o facilitar a relación coas institucións públicas e privadas galegas en cuestións de cooperación para o desenvolvemento.