Noticias de Cooperación Gallega
21/05/2010
Xeral

A Consellería de Presidencia reafirma a súa colaboración coa Universidade da Coruña en materia de cooperación para o desenvolvemento coa sinatura dun novo convenio

Coa sinatura do convenio de colaboración para o apoio o proxecto Realización de actividades de formación e de sensibilización en materia de cooperación para o desenvolvemento, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela, formalizou a colaboración da súa consellería por medio da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea coa Universidade de Coruña, a través da Oficina de Cooperación e Voluntariado e do Instituto Universitario de Estudos Europeos “Salvador de Madariaga".

O proxecto ten como obxectivos estratéxicos a formación de expertos en cooperación para o desenvolvemento e sensibilizar ao alumnado universitario e á sociedade en xeral da realidade dos países do sur e da importancia da cooperación para o desenvolvemento. O importe total do proxecto ascende a 165.750€, dos cales a Xunta fixo unha achega de 60.000 €.

Dentro deste proxecto destaca o curso de formación específica de posgrao “Cooperación Internacional ao Desenvolvemento e Xestión de Organizacións non Gobernamentais", que pretende formar profesionais que desenvolvan as súas tarefas no sector da cooperación galega para o desenvolvemento. Este ano celebra a súa sexta edición, e nestes cinco anos de experiencia desde o seu nacemento no 2004, formáronse máis de 100 estudantes como profesionais da cooperación para o desenvolvemento. Dende a súa creación, a Xunta ven financiando esta actuación e participando nela coa presenza de técnicos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea na impartición de diferentes sesións docentes

Xunto a este curso de posgrao, lévanse a cabo outras actividades para a formación e sensibilización do alumnado universitario en cooperación para o desenvolvemento. Entre elas podemos atopar ciclos de conferencias, cursos de cooperación para o desenvolvemento e estadías no terreo en proxectos de cooperación. Este curso pretende ser unha formación específica para o alumnado da UDC que decida presentarse á convocatoria de Proxectos de Coñecemento da Realidade.

Como cada ano, tamén está prevista a convocatoria dos citados proxectos de coñecemento da realidade (PCR), iniciativa a través da cal o alumnado da Universidade da Coruña ten a posibilidade de desprazarse a un país en vías de desenvolvemento para realizar unha estadía de cooperación coa finalidade de formalos como profesionais no seu ámbito de estudo e darlles unha aplicación práctica aos seus coñecementos o cal redundará no desenvolvemento dos países do sur e na sensibilización da sociedade en xeral ao seu retorno.

Tamén destacan entre as actividades cofinanciadas, a convocatoria de axudas a proxectos de investigación en cooperación ao desenvolvemento, a través da iniciativa coñecida como o Fondo 0,7%, que se realiza por quinto ano consecutivo.