Noticias de Cooperación Gallega
25/05/2010
Xeral

A Xunta convoca por terceiro ano consecutivo subvencións para microproxectos de cooperación para o desenvolvemento

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica na edición do Diario Oficial de Galicia (DOG) do 25 de maio as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (ONGD).
A orde conta cunha dotación orzamentaria de 175.000 euros, o que supón un incremento con respecto o ano pasado do 26,6 %. A máxima subvención concedida por proxecto será de 25.000 euros, contía que non poderá superar o 95% do custo total do proxecto. As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.
Esta convocatoria concíbese como un instrumento dirixido a ONGD novas e con pouca experiencia na xestión de proxectos. Persegue o dobre obxectivo de facilitar a participación activa de novas ONGD galegas para que se poidan integrar no tecido da cooperación galega ao mesmo tempo que se promove a súa progresiva independencia. Os microproxectos son intervencións de menor envergadura que os proxectos, pero encamiñadas do mesmo xeito á mellora das condicións de vida. Asemade, este instrumento atópase en consonancia cos obxectivos xerais expostos no recentemente aprobado, polo Consello da Xunta, II Plan director da cooperación galega 2010-2013, entre os que se atopa o fortalecemento do tecido galego de cooperación.
As ONGD solicitantes deben estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que non recibiran anteriormente subvencións nas convocatorias para programas ou proxectos de cooperación para o desenvolvemento. Cada solicitante só poderá presentar un microproxecto. Entre os criterios de valoración teranse en conta, entre outros, as prioridades xeográficas, sectoriais e transversais establecidas no II Plan director. Nelas destacan a redución dos países prioritarios a doce e a incorporación da interculturalidade ás prioridades transversais, que son aquelas que deben ser consideradas en toda intervención de desenvolvemento.
A valoración das solicitudes estará ao cargo dunha comisión avaliadora formada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, en calidade de presidente, e tres funcionarios deste departamento, que actuarán como secretario e vogais.
Para obter máis información sobre esta convocatoria de axudas pódese consultar a páxina web da cooperación galega, www.cooperaciongalega.org, así como formular os problemas, dúbidas ou aclaracións pertinentes na propia Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.es.