O titular da Xunta presidiu o acto de sinatura de adhesión de apoio do Goberno galego á Campaña Mundial: Un gol pola Educación
Na súa intervención, o presidente da Xunta quixo felicitar e agradecer a todos aqueles que fan posible esta iniciativa. “Grazas por facernos reflexionar sobre a existencia do mundo no seu conxunto e por facernos transcender da vida cotiá para saber que hai outras realidades e zonas de extraordinaria necesidade nas que, ademais de poder vivir, o que se pretende é saber ler e escribir".
Estiveron presentes, ademais do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, o secretario xeral de Educación, José Riesgo Boluda, a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero Rodríguez, 11 alumnos, alumnas e docentes dos centros educativos CEIP López Ferreiro, IES Eduardo Pondal e o IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, que actuaron como embaixadores/as escolares en representación dos centros educativos galegos participantes na Campaña Mundial pola Educación 2010 , 2 estudantes da Universidade de Santiago de Compostela e 9 representantes das ONG que integran a campaña en Galicia.
No acto, os embaixadores escolares e os representantes das ONGD que integran a Campaña Mundial pola Educación en Galicia entregaron ao presidente da Xunta de Galicia as peticións dos e das escolares galegas participantes na campaña e un balón elaborado polos nenos/as e leváronlle unha mensaxe de parte dos 72 millóns de nenas e nenos que non van á escola e tamén de parte dos case 800 millóns de persoas que son analfabetas: QUEREMOS IR Á ESCOLA!!!
Feijoo amosouse convencido “de que todos unidos podemos marcar un gol pola formación, pola educación e polo coñecemento. Marcar un gol pola educación é marcar un gol pola liberdade e polo benestar; un gol pola educación significa gañar á inxustiza, gañar á desigualdade e gañar á insolidariedade".
O mandatario galego lembrou que, baixo o obxectivo dunha Educación para todos, o Goberno galego está a levar a cabo varias iniciativas entre as que destacou numerosos proxectos de educación en 10 países de América Latina e de África; e comprometeuse, amais, a que “todo o que a Xunta faga en cooperación darlle prioridade na educación e na saúde".
Para o titular do Executivo galego, as cifras son concluíntes e falan por si soas: 72 millóns de nenos e nenas sen escolarizar; máis dun terzo de escolares abandonan o colexio antes de acabar o ciclo de primaria; e 800 millóns de adultos non saben ler ou escribir.
Diante deste panorama, afirmou que “os datos esíxennos máis e actuar xuntos" e animou á toda a sociedade a que subscriba este compromiso “para que calquera rapaz ou rapaza, en calquera parte do planeta, poida acceder a unha educación de calidade; e para que poida exercer medicina, enxeñaría, docencia, ser futbolista, …".
Segundo Feijoo todos podemos contribuír a cambiar esta realidade desde unha postura decidida e comprometida. “En tempos de crise e de escaseza sempre hai un euro que sobra, un café que non é necesario, algún xoguete, algunha chamada ou mensaxe innecesarias; en tempos de escaseza todos temos que escoller prioridades e o investimento en educación é unha prioridade non só política senón persoal e social".
Por último, o titular da Xunta lembrou que a educación é a panca da liberdade “xa que non existe –subliñou- a posibilidade de elixir sen saber o que un elixe". “Non existe a liberdade plena sen unha formación e educación plena", concluíu.
Campaña Mundial pola Educación
A Campaña Mundial pola Educación é unha coalición internacional formada por ONG, sindicatos do ámbito educativo, centros educativos e movementos sociais. En Galicia, a Coalición Galega da Campaña Mundial pola Educación está formada por Axuda en Acción, Educación Sen Fronteiras, Entreculturas, InteRed, Jóvenes y Desarrollo e Seminario Galego de Educación para a Paz. O seu obxectivo é reclamar e impulsar o cumprimento íntegro dos compromisos nados do "Cumio de Dakar" do ano 2000, onde a comunidade internacional comprometeuse a garantir o acceso a unha educación de calidade para todas e todos antes do ano 2015.
Este ano, a campaña 1 Gol pola Educación é unha iniciativa promovida pola Campaña Mundial pola Educación e apoiada polo corpo directivo da FIFA, que ten como obxectivo esixir aos/ás líderes políticos que destinen os recursos necesarios para facer realidade o seu compromiso de lograr a educación para todos e todas en 2015
Entre as entidades do deporte galego que se uniron o á causa, están Deportivo da Coruña, Celta de Vigo, Racing de Ferrol, o colectivo das mulleres deportistas galegas, Academia Octavio de balonmán, o clube de baloncesto AMFIV de Vigo… entre outros.