Noticias de Cooperación Gallega
26/05/2010
Xeral

A Xunta de Galicia e Cetmar colaborarán nun proxecto pesqueiro e acuícola en Centroamérica

O Consello da Xunta autoriza a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar) para a execución do proxecto Programa integral para o desenvolvemento profesional e produtivo da pesca de pequena escala e acuicultura rural en Centroamérica.

O programa ten un orzamento de 250.000 euros e un compromiso de carácter plurianual, de tal xeito que durante o ano 2010 farase unha achega de 100.000 euros, e no ano 2011 será de 150.000 euros.

O obxecto deste convenio vén constituído pola necesidade de contribuír ao desenvolvemento social e económico sustentable e a seguridade alimentaria desta rexión centroamericana a través da profesionalización dos recursos humanos vinculados ao sector de pesca e a acuicultura de pequena escala. Con miras ao cumprimento deste obxectivo, están previstas a realización de diversas actividades, tales como reunións técnicas e de traballo, programas de formación profesional e ocupacional, execución de escolas e unha rede de centros de formación, entre outras.

A Xunta entende como moi positiva a actuación descrita e consonte cos seu obxectivos de cooperación exterior e considera axeitado e conveniente contribuír ao fomento e desenvolvemento da pesca e da acuicultura nos países centroamericanos co obxecto de promover un desenvolvemento social e económico nestas zonas.

A política de actuación da Xunta en materia de cooperación ao desenvolvemento enmarcase na Lei 3/2003 de cooperación para o desenvolvemento, que establece como ámbitos de actuación preferentes da cooperación galega o apoio aos países con menor grao de desenvolvemento, en especial daqueles que teñan parte da súa sociedade en extrema situación de necesidade.

Os obxectivos son potenciar os recursos humanos e materiais deses pobos e atender a situacións de emerxencia nas poboacións mais desfavorecidas. O II Plan director 2010-2013 aprobado pola Xunta en abril deste ano considera a Guatemala, O Salvador, Honduras e Nicaragua coma países prioritarios para a cooperación galega

O Goberno autonómico vén apoiando dende o ano 2004 actuacións en materia de cooperación pesqueira en Centroamérica, sempre da man da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e en colaboración coa Consellería do Mar.

Para facilitar o seguimento e cumprimento do convenio, constituirase unha comisión mixta, integrada por un representante da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, designado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, e un representante do Cetmar.

A Fundación Cetmar ten como obxecto fundacional nos seus estatutos o fomento e a execución de todas aquelas accións necesarias para a conservación e o aproveitamento responsable do medio mariño e dos seus recursos, incluíndo as actividades de formación, investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica.

Recolle como finalidades, entre outras, a realización de accións executivas concretas fronte a demandas puntuais (análise, informes, asesoramento, axudas nas propostas e realización de actividades de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, transferencia de tecnoloxía, formación e programas de cooperación nacional e internacional).