Noticias de Cooperación Gallega
24/06/2010
Xeral

Un equipo da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) desprázase a Centroamérica para dar a coñecer a avaliación dunha serie de proxectos en materia pesqueira que está a realizar a cooperación galega

Durante vinte e un días os reporteiros galegos de Agareso percorrerán catro países da rexión centroamericana producindo material audiovisual e impreso para dar a coñecer os proxectos financiados pola Xunta de Galicia.

Nas cidades de San Salvador e Managua está previsto que manteñan reunións con xornalista locais co fin de coñecer cal é a imaxe da colaboración da sociedade galega en Centroámerica en proxectos tan relevantes no seu entorno como os da pesca artesanal ou os dedicados a recuperación medioambiental de espazos naturais coma o golfo de Fonseca. Durante a visita manterán encontros cos bolseiros galegos da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior que están a colaborar en diferentes proxectos en Centroamérica así como cos responsables das oficinas técnicas de cooperación da AECID

Dende Managua, viaxarán ata o golfo de Fonseca para rematar o seu percorrido en Guatemala. Alí trasladaranse para comprobar, entre outras cousas, o estado da rexión e os posibles danos que puideron afectar os proxectos de cooperación para o desenvolvemento tras o paso da tormenta Agatha que asolou Centroamérica o pasado mes de maio.

Para máis información sobre esta experiencia e seguir de cerca a evolución da mesma pódese visitar a páxina web de Agareso, onde será publicada información desta iniciativa en formato multimedia así como entrevistas e reportaxes.