Noticias de Cooperación Gallega
17/06/2010
Xeral

Apróbase no Parlamento por unanimidade o <i>II Plan director da cooperación galega</i> que aposta por unha maior eficacia e calidade da política de cooperación galega para os vindeiros catro anos

O Parlamento de Galicia ven de aprobar o II Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2010-2013 que aposta por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación, facéndoa máis selectiva, concentrada xeográfica e sectorialmente, cunha programación mellor estruturada e con compromisos claros e concisos.

O documento busca unha maior orientación estratéxica coa posta en valor das vantaxes diferenciais de Galicia. Neste sentido, propón a cooperación en sectores nos que a comunidade galega poida ofrecer unha experiencia e coñecementos específicos, como a pesca ou a acuicultura, así como a colaboración con países de fala lusófona ou aqueles latinoamericanos onde hai cultura de cooperación dos nosos axentes.

Ademais, relacionado tamén coa aposta da Xunta de Galicia polo fortalecemento do sistema galego de cooperación, fomenta a integración máis activa das comunidades galegas nas intervencións de desenvolvemento. O obxectivo é que estes axentes de cooperación poidan formular proxectos de calidade nos seus países respectivos e así obter financiamento con independencia de que se atopen ou non en territorios cualificados como prioritarios. Así mesmo, para mellorar as capacidades técnicas e operativas da propia Administración galega o plan prevé a creación dunha Axencia Galega de Cooperación antes de finalizar o seu período de vixencia, acordado por unanimidade por todos os membros da comisión parlamentaria.

Polo que respecta ás prioridades xeográficas, o novo Plan director establece como países prioritarios: Perú, Ecuador e Bolivia, en América do Sur; Haití e República Dominicana, no Caribe; Honduras, O Salvador, Nicaragua e Guatemala, en Centroamérica; Cabo Verde, Guinea Bissau e Mozambique, xunto á poboación saharauí, en África.

Instrumentos para canalizar os fondos
A principal forma de canalizar efectivamente os fondos destinados a cooperación que recolle o novo plan director serán as convocatorias públicas de axudas para actividades de cooperación, para as que este ano 2010 se van destinar máis do 60% dos recursos destinados a esta materia. Así mesmo, estas axudas públicas convivirán coa cooperación directa, a que realiza a Xunta cos seus propios recursos técnicos, e cos convenios de cofinanciamento con outras entidades para a posta en práctica de actividades de cooperación.

No plano económico, o escenario orzamentario previsto neste II Plan director da cooperación galega 2010-2013 é o de incrementar paulatinamente os recursos para cooperación co obxectivo de que, ao final do plan, se incrementen paulatinamente os recursos da cooperación, en función da situación económica e se acade, como mínimo, un incremento de entre un 50% e un 100% dos recursos dedicados á cooperación en 2009.

O II Plan director para a cooperación galega para o desenvolvemento 2010-2013 pretende ser unha ferramenta útil, compartida por toda a sociedade galega, que lle permita a Galicia realizar unha contribución eficaz e ordenada aos procesos de desenvolvemento dos países do sur, partindo do recoñecemento das dificultades que para todos representan as especiais condicións económicas que caracterizan o momento presente.

Así, unha vez analizadas as debilidades e deficiencias do anterior Plan, o correspondente ao período 2006-2009, os criterios que van inspirar a política de cooperación do Goberno galego nos vindeiros anos serán a eficacia e a concentración da axuda, a previsibilidade e o aumento dos recursos, a transparencia na xestión, a coherencia de actuacións, a participación social e a coordinación de actores.

O plan foi informado positivamente por unanimidade polos órganos de coordinación e asesoramento da cooperación galega nas reunións celebradas o pasado 5 de marzo, aprobado polo Consello da Xunta o 15 de abril, e agora aprobado por unanimidade na Comisión 1ª institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia.