Noticias de Cooperación Gallega
29/06/2010
Xeral

O director xeral de Relacións Exteriores aposta por poñer o acento na eficacia da axuda oficial ao desenvolvemento

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou a xornada destinada á consulta europea, no marco do foro “A eficacia das organizacións da sociedade civil europea no desenvolvemento", organizado polas coordinadoras europea, española e galega de ONGD, onde apostou por poñer o acento na eficacia da axuda oficial ao desenvolvemento.

Así, Gamallo sinalou que en momentos difíciles como nos actuais é irrenunciable poder contribuír a mellorar as condicións de vida dos que o están pasando moito peor que nós, pero ten que facerse con criterios de eficiencia e, desde logo, apostando por unha mellor eficacia da axuda.

Conseguir que a axuda ao desenvolvemento sexa cada vez máis eficaz é un dos retos e os obxectivos primordiais para a cooperación galega, que debe orientar todas as actuacións no ámbito da cooperación internacional ao desenvolvemento, e para iso faise necesario que as organizacións da sociedade civil, así como outros actores da cooperación, se reunan e articulen un debate en torno a dito tema.

De aí, expresou Gamallo, a necesidade de espazos privilexiados de diálogo e debate entre os principais actores da cooperación como é este encontro, do que se poderán extraer conclusións moi proveitosas de cara ao IV Foro de alto nivel sobre eficacia da axuda, que se celebrará en Seúl (Corea do Sur) en outubro de 2011.

O director explicou que a cooperación galega, a pesares de ser moi nova (os seus inicios datan de 1992) atópase moi asentada grazas aos esforzos realizados polo Goberno de Galicia, con accións que benefician directamente a miles de persoas en todo o mundo. Agora precisa alcanzar “a madurez" e por iso estanse dando xa os pasos adecuados para a posta en marcha dun auténtico “modelo galego de cooperación", integrado internacionalmente, a través da cal a Xunta asume a responsabilidade de liderar a promoción dunha política de axuda de cooperación ao desenvolvemento.

“O noso papel como administración é articular e coordinar os actores da cooperación galega, e tamén facilitar que se estenda ao conxunto da cidadanía a conciencia de solidariedade e responsabilidade cos pobos máis pobres do planeta", explicou Gamallo. Proba diso, continuou, foi a elaboración do II Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2010-2013, que acaba de ser aprobado por unanimidade dos tres grupos políticos que integran o Parlamento de Galicia e por todos os actores da cooperación galega.

Un dos obxectivos deste Plan director, baseado no diálogo e o consenso, é a mellora da calidade da axuda, incorporando de forma máis efectiva os principios da axenda de París, como son a previsibilidade da axuda, a concentración de recursos ou a mellora da planificación, transparencia e coordinación.

Ademais, nos tempos que corren, marcados polas dificultades económicas e a inevitable redución de recursos destinados á cooperación para o desenvolvemento, a Xunta proponse minimizar o impacto desta redución apostando por buscar a máxima eficacia e eficiencia da axuda. É nesta prioridade que se marca o Goberno galego onde xogan un papel protagonista as organizacións da sociedade civil, vitais para avanzar no obxectivo común de loitar pola erradicación da pobreza, os dereitos humanos e a xustiza social en favor dun mundo mellor.