Noticias de Cooperación Gallega
19/07/2010
Xeral

A Xunta reitera o seu compromiso para a reconstrución de Haití a través dunha axuda eficiente e coordinada coa AECID e as ONGD galegas no territorio

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou este domingo na clausura da Conferencia Europea para a Reconstrución e Estabilización de Haití, na que reiterou o compromiso da Xunta de Galicia coa reconstrución do país caribeño, que o pasado 12 de xaneiro foi azoutado por un brutal terremoto.
Gamallo apostou, como vén facendo a Xunta habitualmente, por unha axuda con criterios de eficiencia, coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID); e traballando coas ONGD galegas con implantación xa en Haití e coñecedoras do terreo.
Segundo o director, para que a axuda chegue aos seus destinatarios do xeito máis eficiente é vital a implicación das autoridades locais no proxecto de reconstrución do país, tal e como marcan a Axenda de París e o Tratado de Accra.
Así, Gamallo expresou o desexo de que no proceso electoral que terá lugar a finais de ano en Haití saia das urnas un goberno forte, capaz de liderar a reconstrución do seu país a través da confección de plans de desenvolvemento nos que poida participar toda a Comunidade Internacional, incluída a Xunta de Galicia.
Neste sentido, o director aproveitou para lembrar aos presentes a celebración do 92 aniversario de Nelson Mandela, todo un exemplo no seu día da capacidade de liderado para a reconstrución do seu país: Sudáfrica.
Subvencións para proxectos humanitarios
Xunto á atención de primeira emerxencia prestada nos primeiros días a Haití –36.000 euros en material hixiénico e de acubillo, médico-sanitario, de potabilización da auga, etc.- durante os 6 meses transcorridos desde o terremoto adoptáronse unha serie de medidas que permitiron e seguirán permitindo achegar a solidariedade galega á illa caribeña.
Así, fíxose por primeira vez unha convocatoria aberta e permanente de subvencións para proxectos de acción humanitaria, na que se daba prioridade as propostas destinadas a Haití. Nesta convocatoria aprobáronse tres propostas de post-emerxencia no país caribeño cun importe total de 178.658,82 euros e prevese que nos próximos días se amplíe a súa dotación económica para cubrir outros tantos proxectos de actuación no lugar.
Por último, Gamallo explicou que a preferencia que a Xunta de Galicia continuará outorgando ao pobo haitiano ponse tamén de manifesto no II Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2010-2013. O texto, aprobado por unanimidade no Parlamento, inclúe a Haití como país prioritario dos recursos que o Goberno galego destinará nestes catro anos á cooperación ao desenvolvemento, o que permitirá o mantemento da canalización de fondos para a reconstrución e estabilización do país.