Noticias de Cooperación Gallega
20/07/2010
Xeral

A Xunta resolve as convocatorias de axudas para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE fixo pública esta mañá a resolución das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, así como de actividades de educación para o desenvolvemento e de proxectos para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento (ONGD). En total, o centro directivo dependente da Consellería de Presidencia concedeu subvencións por importe de máis de 4,5 millóns de euros a un total de 43 proxectos, que se executarán ao longo dos anos 2010 e 2011.

A dirección xeral recibiu 151 solicitudes, das cales 85 foron para proxectos no exterior de ONGD e outros axentes; 42 para actividades de educación para o desenvolvemento e 24 para os de consolidación e fortalecemento de ONGD. Unha vez avaliados, o departamento competente aprobou o financiamento de 16 proxectos no exterior de ONGD; 4 doutros axentes, 13 de educación para o desenvolvemento e 10 de consolidación e fortalecemento.

A orde reguladora da concesión destas subvencións foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia o pasado 11 de marzo e publicada no DOG o día 22 dese mes, sendo presentada pouco despois ao sector da cooperación exterior polo propio director xeral de Relacións Exteriores e coa U.E, Jesús Gamallo. A convocatoria ten carácter plurianual (2010-2011) e supón un aumento da dotación orzamentaria nun 12,4 por cento con respecto ao ano 2009. A resolución da convocatoria pode consultarse na páxina web da cooperación galega, www.cooperaciongalega.org

Axuda humanitaria
Doutra banda, tamén se fixo pública hoxe, a través do Diario Oficial de Galicia, a ampliación do crédito dispoñible para o ano 2010 relativo á concesión de subvencións para a execución de proxectos de axuda humanitaria. A nova dotación, de 210.00 euros, súmase aos 300.000 iniciais, xa esgotados, aprobados o 21 de xaneiro deste mesmo ano.

Esta nova dotación orzamentaria decidiuse no Padroado da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia tras o gran número de solicitudes recibidas. Deste xeito acordouse o uso da reserva fundacional deste ente para unha nova dotación e ampliación de crédito.

O obxectivo é regular a concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais (ONG), entidades sen fins de lucro e comunidades galegas no exterior para a execución de proxectos de axuda humanitaria no exterior. A resolución axilizouse para poder iniciar canto antes os proxectos de reconstrución en Haití, tras o devastador terremoto que asolou a illa, polo que déuselle prioridade ás propostas dirixidas a este país caribeño.