A Xunta publica a relación de axudas concedidas para a execución de microproxectos
A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE publica hoxe a resolución de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento. Un total de cinco organizacións, Cultura y Cooperación al Desarrollo (CUCO) Galicia, ONGD Coopera, Asociación Gallega de Hemofilia, Asociación Equus Zebra e Fundación Balms para la Infancia, foron seleccionadas para recibir o apoio financeiro da cooperación galega no seu traballo en diferentes países en desenvolvemento.
Centroámerica e Sudamérica, concretamente O Salvador, Guatemala e Perú, serán o escenario de catro dos microproxectos seleccionados e o quinto desenvolverase no continente africano, en Senegal. Todos eles figuran como países prioritarios no novo Plan director da cooperación galega, excepto Senegal.
Por outra banda, as iniciativas financiadas enmárcanse dentro dos sectores prioritarios de actuación da cooperación galega establecidos no II Plan director. Catro dos microproxectos están encamiñados á cobertura das necesidades sociais básicas, sector que máis atención recibe no devandito plan, cumprindo co consenso internacional acadado acerca da necesidade de lle dedicar a este sector un mínimo do 20% dos fondos. O que se levará a cabo no Salvador encádrase no sector de infraestrutura e promoción do tecido económico, segundo sector en importancia polo volume de fondos destinados.
Coas axudas aos microproxectos apóiase o traballo das ONGD nos países en desenvolvemento a través de intervencións de menor envergadura que os proxectos, pero encamiñadas do mesmo xeito á mellora das condicións de vida das súas poboacións. Esta convocatoria concíbese como un instrumento dirixido a ONGD con pouca experiencia na xestión de proxectos e que, por tanto, contan con escasas oportunidades de lograr financiamento a través da convocatoria ordinaria de proxectos.