Noticias de Cooperación Gallega
24/08/2010
Xeral

A Xunta de Galicia coordina coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) unha resposta humanitaria de urxencia para Pakistán.

As inundacións que dende hai máis de dúas semanas afectan a Pakistán están ocasionando un desastre humanitario de vastas proporcións que xa afectou a uns 20 millóns de persoas, o 20% da poboación do país, inundando unha área de terreo equivalente á superficie de Suíza, Austria e Bélxica xuntas.

As que son consideradas as peores inundacións do último século deixaron polo menos 1.600 mortos, número que podería dispararse como xa advertíu John Holmes, o principal responsable para asuntos humanitarios da ONU, se a comunidade internacional e as axencias humanitarias non actúan con rapidez. Unha das preocupacións máis importantes ata o momento ven dada pola ameaza de que se desate unha epidemia de cólera e outras enfermidades infecciosas transmitidas por auga contaminada.

Trala reunión mantida a pasada semana na sede da AECID para a coordinación da resposta española para Pakistán, o Goberno galego puxo a disposición do operativo medicamentos e material sanitario solicitado polo Goberno pakistaní. Este material forma parte do stock do que se dispón en Valencia grazas ao convenio de colaboración firmado coa ONG Farmacéuticos Mundi.

Concretamente incorpórase ao operativo un kit IEHK 06 e un módulo de emerxencia pre hospitalaria, estandarizados segundo criterios da Organización Mundial da Saúde (OMS) que permitirán a atención de 10.000 persoas durante 3 meses e a dotación instrumental de hospitais e centros de saúde.

Está previsto que estea operativo e saia cara Pakistán dende a base de Torrejón de Ardoz a finais desta semana.

Nos últimos días diminuíron as chuvias e o prognóstico é de bo tempo para as áreas máis afectadas, o que contribuirá a que descenda o nivel do río Indo e os seus afluentes co que se espera melloren as condicións de reparto da axuda.