Noticias de Cooperación Gallega
07/09/2010
Xeral

Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo da celebración do Día do Cooperante

No ano 2006, coincidindo coa aprobación polo Consello de Ministros do Estatuto do Cooperante, estableceuse en España o 8 de setembro como o Día especialmente dedicado a este colectivo, en memoria da data na que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas subscribiu a Declaración do Milenio no ano 2000.

O Estatuto do Cooperante marcou un fito no mundo da cooperación a nivel nacional e proveu aos cooperantes dun marco normativo largamente demandado, grazas ao cal se dignifica o traballo de ao redor de 1500 cooperantes españois. A cooperación galega celebrou a aprobación deste estatuto dado que supuxo un importante avance na profesionalización do traballo dos cooperantes como peza clave do sistema de cooperación para o desenvolvemento.

O Goberno galego súmase un ano máis á conmemoración do Día de Cooperante co propósito de visualizar o traballo deste colectivo, e sobre todo de recoñecer e agradecer a súa importante tarefa para construír un mundo máis igualitario e máis xusto.

Os cooperantes traballan man a man coas institucións, organizacións e a sociedade dos países desenvolvidos e dos países en vías de desenvolvemento en pro dun mundo máis habitable e sostible. Constitúen, polo tanto, unha peza clave nas relacións internacionais e os seus pasos sempre se encamiñan cara os países de maior vulnerabilidade. Por todo iso, dende a Xunta de Galicia recoñécese de xeito especial o seu labor.

Un dos principais retos na actualidade é garantir que estes profesionais realicen as súas actividades nas mellores condicións posibles e que se respecten os seus dereitos, tendo en conta que traballan en países empobrecidos ou en conflito, que enfrontan débiles servizos básicos, escaso desenvolvemento institucional, e en determinadas ocasións altos índices de violencia.

A maioría dos cooperantes galegos desenvolven tarefas en países de América Latina, pero os seus esforzos chegan cada vez máis ata o continente africano e asiático. Son os ollos e a voz das ONGD galegas no exterior, da Xunta de Galicia, e do conxunto dos axentes da cooperación para o desenvolvemento.

O compromiso do Goberno galego é continuar traballando a prol da profesionalización do sector da cooperación e apoiando aos cooperantes na súa loita diaria contra a pobreza e a desigualdade.
A ese obxectivo responde o Rexistro de Cooperantes Galegos/as no Exterior que estará operativo dende o día de hoxe no sitio web www.cooperaciongalega.org. O propósito deste Rexistro é acadar un mellor coñecemento da realidade do sector e así poder crear e afianzar unha rede de profesionais galegos que traballen nese ámbito aos efectos de compartir experiencias e informacións de interese.