Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do 65 aniversario da Organización das Nacións Unidas
Despois da Segunda Guerra Mundial, o nacemento das Nacións Unidas como organismo internacional no ano 1945 significou a fin dunha época da historia mundial marcada pola guerra e os conflitos internacionais e o inicio dunha nova etapa da Comunidade Internacional que permitiría esixir aos estados a resolución dos conflitos dunha forma pacifica e o mantemento da paz de forma duradeira.
O 24 de outubro de 1945, na cidade americana de San Francisco, naceu oficialmente a Organización das Nacións Unidas (ONU). Cada 24 de outubro festéxase o aniversario da organización, e esta data constitúe unha oportunidade para reafirmar o compromiso cos seus valores, principios e ideais.
A Organización das Nacións Unidas está formada actualmente por 192 estados. Os seus propósitos principais son:
• Manter a paz no mundo.
• Desenvolver relacións de amizade entre as nacións.
• Traballar conxuntamente para mellorar os niveis de vida, eliminar a pobreza, as enfermidades e o analfabetismo no mundo.
• Promover o respecto aos dereitos e liberdades.
• Converterse nun centro para axudar ás nacións a conseguir estes obxectivos.
A ONU basea as súas accións nos acordos e a vontade dos seus estados membros. Os seus idiomas oficiais son: o árabe, o chinés, o inglés, o francés, o ruso e o español.
O Goberno galego comparte os altos ideais da organización na súa loita contra a violencia e a pobreza e en prol do desenvolvemento, a igualdade, os respecto aos dereitos humanos e a paz e súmase hoxe ao aniversario das Nacións Unidas.