Noticias de Cooperación Gallega
26/11/2010
Xeral

A Xunta de Galicia coordina coa AECID un novo envío de medicamentos ante a epidemia de cólera que afecta a Haití

A Xunta de Galicia participará no envío de 40 toneladas de material sanitario para tratar aos afectados pola epidemia de cólera en Haití. Así o decidiu o Goberno galego, tras unha reunión de coordinación mantida onte na sede da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) na que se acordou mandar á illa caribeña un novo envío de axuda humanitaria.

A achega galega, que sairá mañá co resto da axuda humanitaria desde a base aérea de Torrejón de Ardoz, consiste en 40 toneladas de soros de rehidratación e material para súa administración, e realizouse a través do seu fondo de emerxencias e grazas a un convenio asinado coa ONGD Farmamundi.

Na espera dunha próxima repunta da enfermidade, a AECID prevé a celebración doutras reunións de coordinación para planificar envíos continuados e axustados ás necesidades do país caribeño. A Xunta de Galicia, a través da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, está en permanente contacto coa oficina de acción humanitaria da AECID para seguir coordinando as achegas galegas.

Despois de que a mediados do mes de outubro a epidemia de cólera se declarara en Haití, xa se produciron 1.344 mortes, 23.377 hospitalizacións e mais de 50.000 casos de infectados por Vibrio cholerae, a bacteria que provoca o cólera nos humanos.

Non é a primeira vez que a Xunta de Galicia presta axuda ao pobo haitiano dende que se declarou a epidemia de cólera, xa que nun primeiro momento respondeu ao chamamento internacional de axuda -tamén da man da AECID- co envío dun kit sanitario homologado pola Organización Mundial da Saúde (OMS).