Noticias de Cooperación Gallega
09/12/2010
Xeral

Cooperación Galega inicia unha viaxe para supervisar proxectos que se están a desenvolver en Cabo Verde

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, realizan unha viaxe a Cabo Verde para supervisar diferentes proxectos que se están a desenvolver grazas á cooperación galega no país africano.

A cooperación galega en Cabo Verde está moi presente en varios sectores, e a achega máis destacable que a cooperación galega está a realizar no país africano baséase fundamentalmente nos recursos que a comunidade galega ofrece ao país no que respecta á transferencia de coñecementos técnicos e desenvolvemento de boas prácticas nos sectores nos que Galicia é un referente a nivel europeo, coma son a pesca, a formación turística, ou a educación ambiental, entre outros.

Unha vez en Cabo Verde, Gamallo reunirase co embaixador de España, Manuel Villavieja, co coordinador xeral da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) nese país, Jaime Puyoles, así como cos representantes dos Asuntos Políticos e Cooperación, Desenvolvemento Turístico, Enerxía e Pesca do Goberno caboverdiano.

Ademais, o director tamén manterá encontros cos presidentes das cámaras municipais de San Filipe, Brava e Maio, tres dos municipios onde se executan proxectos de cooperación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co financiamento da Xunta de Galicia.

Ademais, os representantes do Goberno galego visitarán a cámara municipal de Santa Cruz para coñecer de primeira man a escola infantil que a cooperación galega financiou alí; e outro proxecto de pesca artesanal na Calheta de Sao Miguel. Na súa visita Gamallo estará acompañado polo secretario da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos (ANMCV).

Xa ao outro día, o venres, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE visitará a cidade de Mindelo ( São Vicente) para coñecer o Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas (INDP) e o Instituto Marítimo Portuario (IMP) e manter un encontro coa Comunidade de Pescadores de São Pedro. Nestas visitas estará acompañado por técnicos galegos do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) que traballan en distintos proxectos en Cabo Verde.

O país africano é o que concentra a meirande parte da Axuda Oficial ao Desenvolvemento en canto a municipalismo da comunidade galega. O Fondo Galego comezou a súa cooperación en Cabo Verde no ano 2000, e dende o ano 2002 ata a actualidade leváronse a cabo un total de 42 proxectos de cooperación ao desenvolvemento promovidos polo Fondo Galego e a Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos.

O Fondo Galego seguirá o seu traballo nos próximos anos no país africano, principalmente en dúas áreas: o fortalecemento industrial e a dotación de equipamentos, que a Xunta de Galicia seguirá a apoiar financieiramente.

Cabo Verde é un dos países prioritarios para a execución dos proxectos de cooperación exterior de Galicia, tal e como aparece recollido no II Plan director da cooperación galega 2010-2013. O traballo de visualización deste e outros proxectos está levándose a cabo a través da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), polo que os medios interesados poderán obter máis información a través da páxina web desta asociación: www.agareso.org