Cooperación Galega estuda as bases para o establecemento dun acordo marco de colaboración con Cabo Verde
Os responsables de Cooperación Galega reuníronse nas últimas horas en Cabo Verde con representantes dos sectores máis relevantes do país africano para estudar as bases para o establecemento dun acordo marco de colaboración entre ambos territorios, destacando as potencialidades desta zona en especial en canto a pesca, enerxía e turismo.
O director xeral de Relacións Exteriores coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, están a realizar unha viaxe institucional na República de Cabo Verde co obxectivo de comprobar sobre terreo “o impacto real na mellora das condicións de vida da poboación caboverdiana da cooperación que, desde o ano 2002 e co apoio da Xunta de Galicia, o Fondo Galego de Cooperación realiza neste país”, segundo asegurou a súa chegada ao país o director xeral.
Ademais, esta visita a terreo servirá para explorar novas áreas de cooperación Galicia-Cabo Verde que segundo o Plan director de cooperación galega 2010-2013 aprobado por unanimidade é prioritario.
Na xornada de hoxe, os representantes da Xunta de Galicia mantiveron unha serie de reunións co embaixador de España en Cabo Verde, Manuel Villavieja e co coordinador xeral da Oficina Técnica de Cooperación da Axencia Española Cooperación Internacional para o Desenvolvemento en Cabo Verde, Jaime Puyoles.
Jesús Gamallo e Pilar Romero reuníronse, ademais, co director nacional de Asuntos Políticos e de Cooperación, José Luís Rocha, o director xeral de Desenvolvemento Turístico, Carlos Ferreira, o director xeral de Enerxía, Abrão Lopes e o director xeral de Pesca, Adalberto Vieira con resultados moi produtivos de maneira que a Xunta de Galicia vai analizar a posibilidade de establecer un acordo marco con Cabo Verde “un país atlántico con sectores estratéxicos para Galicia como a pesca, o turismo ou a enerxía. Este acordo marco tería a virtude de apostar pola eficacia e a eficiencia da axuda e a coherencia das intervencións en Cabo Verde. Nun momento de restrición orzamentaria, debemos usar mellor os nosos recursos, algo que un acordo deste tipo nos proporcionaría”, apuntou Gamallo.
Pesca
Respecto da pesca, Cetmar e Anfaco son dúas das entidades que traballan na capacitación dos diferentes actores implicados no sector e coas que a Xunta de Galicia seguirá colaborando. Cabo Verde ten un enorme potencial pesqueiro e, con todo, a pesca só representa un 2% do PIB.
Jesús Gamallo, ao termo do encontro con Adalberto Vieira destacou que “debemos seguir traballando con este sector estratéxico no que fundamentalmente temos capacidade técnica a través da Fundación Cetmar, puxemos en valor as capacidades potenciais do Campus do Mar de Vigo e exporemos unha posible cooperación do mesmo, ao tempo que trataremos de redobrar esforzos nas iniciativas xa postas en marcha”.
Noutra orde de cousas, Cabo Verde inaugurará o próximo mes de marzo un Centro de Hostalería en Praia, que aínda debe dotarse de contido. A Xunta de Galicia subliñou a experiencia do Centro Superior de Hostalería de Galicia e os seus técnicos cualificados, de forma que a participación do mesmo podería incluírse neste acordo marco Galicia-Cabo Verde.
Enerxía
Os representantes da Xunta de Galicia reuníronse tamén co director xeral de Enerxía, Abrão Lopes quen lles explicou as dificultades de xestionar, en termos enerxéticos, un país conformado por dez illas.
Cabo Verde conta cunha planta de enerxía solar pero o aproveitamento da enerxía eólica “sería un avance importante en termos de sustentabilidade e respecto ao medioambiente”, segundo aseguran os responsables do sector neste país africano.
O próximo mes de xaneiro entra en vigor nas illas unha lei de enerxías renovables polo que se fará un chamamento internacional ás diferentes empresas e no que Galicia, segunda comunidade española no referente a esta enerxía, estará tamén presente.
Por outra banda, Cabo Verde asinará en próximas datas un marco de asociación con España centrado en tres eixos prioritarios: bo goberno, competitividade e infraestruturas, fundamentalmente náuticas e pesqueiras, aspecto no que de novo Galicia ocupa un lugar protagonista.
O director xeral de Relacións Exteriores coa UE da Xunta de Galicia mostrouse moi satisfeito co resultado destas reunións e a posibilidade de establecer este acordo marco: “que nos permite abordar a cooperación como un todo. Ser máis eficaces, ser mais eficientes a pesar de ter menos recursos e chegar a máis poboación. Que o país receptor teña os seus plans de desenvolvemento permíteche cumprir a súa propia estratexia de desenvolvemento, encaixando nas súas prioridades, o que dá un valor engadido á cooperación”.