Noticias de Cooperación Gallega
11/12/2010
Xeral

Cooperación Galega comproba proxectos do Fondo Galego dedicados á educación e a capacitación de colectivos vulnerables

Os responsables de Cooperación Galego visitaron nas últimas horas dous proxectos executados polo Fondo Galego en Cabo Verde e apoiados pola Xunta de Galicia, e que teñen como obxectivo a mellora da educación dos menores do país africano así como a posta en marcha de cursos de capacitación destinados a colectivos vulnerables.

Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores coa UE, e Pilar Romero, subdirectora xeral de Cooperación Exterior, continúan a súa visita institucional a Cabo Verde, país que concentra o groso da Axuda Oficial ao Desenvolvemento no que a municipalismo se refire na Comunidade galega.

Ambos os dous representantes visitaron na tarde de onte un dos proxectos executados polo Fondo Galego na illa de Santiago: unha escola infantil emprazada no municipio de Santa Cruz, acompañados por Orlando Sanches, alcalde deste concello; para visitar a continuación a Cámara Municipal de Calheta de São Miguel, municipio no que se desenvolveron diferentes cursos de capacitación destinados a colectivos vulnerables.

O Fondo Galego iniciou a súa cooperación con Cabo Verde no ano 2002, momento en que se reformulan as súas estratexias e se decide concentrar esforzos nos países africanos lusófonos para aproveitar a vantaxe comparativa que para a Cooperación Galega supón a proximidade lingüística de Galicia. A Xunta de Galicia sumouse aos esforzos do Fondo Galego no ano 2005, comezando unha estreita colaboración para o cofinanciamento de proxectos municipalistas en Cabo Verde.

Durante esta visita, Jesús Gamallo e Pilar Romero puideron comprobar o efecto multiplicador da axuda ao desenvolvemento que reciben estes municipios. Así mesmo, tamén se levaron a cabo cursos para capacitar laboralmente os seus destinatarios que á súa vez se converteron en formadores de novos alumnos.