Cooperación Galega aposta por continuar a fortalecer a pesca artesanal en Cabo Verde
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero visitaron o Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas (INDP), emprazado en Mindelo, na illa de São Vicente e a Associação Nova Generaçao dos pescadores de São Pedro.
En Cabo Verde, un país prioritario para a Cooperación Galega, o mar supón o seu principal recurso aínda que, actualmente, a pesca só represente o 2% do PIB caboverdiano. O sector pesqueiro e, concretamente a pesca artesanal, é un dos eixos fundamentais de cooperación neste país.
Tras a reunión mantida polo director xeral de Relacións Exteriores coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, co director xeral de Pesca de Cabo Verde, Adalberto Vieira, visitaron o Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas, emprazado en Mindelo, na illa de São Vicente e a Associação Nova Generaçao dos pescadores de São Pedro, unha asociación que representa máis de cen pescadores desta localidade costeira de São Vicente.
O INPD, creado en 1992 e dedicado fundamentalmente á investigación, promoción do desenvolvemento do sector pesqueiro e realización de estudos socio-económicos e de planificación é a principal parceiro da Fundación Cetmar que, xunto á Consellería do Mar, leva dende o ano 2006 executando proxectos de cooperación no ámbito do desenvolvemento sostible da pesca artesanal e da acuicultura en Cabo Verde, algúns con financiamento da Cooperación Galega, e outros con financiamento da AECID, que lle encargou directamente a Cetmar a súa execución.
Jesús Gamallo destacou durante esta visita que "a pesca é un sector estratéxico para Cooperación Galega que formará parte dun futuro acordo marco co Goberno caboverdiano. Galicia é un referente neste ámbito por tradición e por experiencia e a nosa colaboración dá resposta, ademais, á propia demanda formulada polo Goberno caboverdiano".
Acompañados nesta visita por Yolanda Molares e Alberto Martín, técnicos do Cetmar, Cooperación Galega está a traballar, a través desta entidade, no Plan operativo para o desenvolvemento da pesca artesanal en Cabo Verde (2010-2011). “Trátase dun proxecto integral, que responde a unha estratexia asumida pola Dirección Xeral de Pesca caboverdiana, que pretende contribuír á estruturación e fortalecemento da pesca artesanal en Cabo Verde, tanto a nivel institucional como de comunidades pesqueiras," asegurou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Este programa ten unha dotación económica de 1.000.000 € (que achega a AECID) e Cetmar é responsable directa da execución directa de 250.000 € e da coordinación da totalidade do programa. Este Plan operativo conta para a súa execución con Cetmar, a Dirección Xeral de Pesca do Goberno de Cabo Verde e o INDP.
Fortalecemento do asociacionismo
Jesús Gamallo e Pilar Romero visitaron, ademais, a Associação Nova Generaçao dos pescadores de São Pedro, unha entidade que, dende a súa creación en 2002, trata de dar resposta a todas as problemáticas asociadas á pesca artesanal nesta localidade. Así mesmo, un dos eixes fundamental do Plan operativo é, precisamente, o fortalecemento do asociacionismo. "Un dos obxectivos de Cooperación Galega é mellorar as condicións de vida dos seus beneficiarios, polo que incidir en ámbitos tan vulnerables como a pesca artesanal dá resposta a esta necesidade. Trátase de garantir a seguridade alimentaria das comunidades afectadas por este Plan e o asociacionismo é un dos instrumentos para mellorala", destacou Gamallo.
De feito, Cooperación Galega, entre 2006 e 2009, xa financiou accións de promoción do asociacionismo no sector pesqueiro e acuícola dos países lusófonos da África subsahariana, así como actividades de formación, diagnóstico e dotación de equipamentos en vixilancia e inspección pesqueira. Estas accións formativas foron executadas por técnicos do Cetmar.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo subliñou a necesidade de "seguir traballando con este sector no que a achega máis destacable que a Cooperación Galega está a realizar en Cabo Verde se basea fundamentalmente nos recursos humanos que a Comunidade galega ofrece ao país africano no que respecta a transferencia de coñecementos técnicos e desenvolvemento de boas prácticas tendo en conta que Galicia é un referente pesqueiro a nivel europeo".