Galicia elaborará o ditame do Comité das Rexións europeo sobre o futuro da política de cooperación ao desenvolvemento na UE
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi nomeado na reunión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza, e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité das Rexións europeo (CdR), celebrada o 13 de decembro, relator do ditame sobre o Libro Verde sobre a política de axuda ao desenvolvemento no plano europeo.
Este Libro Verde dado a coñecer recentemente pola Comisión Europea avoga por un maior apoio do crecemento inclusivo e un desenvolvemento sustentable. Coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa, a política de axuda ao desenvolvemento forma parte dos obxectivos comunitarios, establecendo o artigo 208 do Tratado de funcionamento da UE que “o obxectivo principal da política da Unión neste dominio é a redución e, a prazo, a erradicación da pobreza. Na execución das políticas susceptibles de afectar aos países en desenvolvemento, a Unión ten en conta os obxectivos da cooperación para o desenvolvemento”. Do mesmo xeito, a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) en 2015, acordados en 2000 no seo das Nacións Unidas, continúa a ser a prioridade principal para a UE.
O Libro Verde busca, por tanto, favorecer un debate sobre como a Unión Europea pode apoiar dunha maneira máis efectiva os esforzos realizados polos países en desenvolvemento para acadar os ODM. De modo máis concreto o documento publicado pola Comisión busca respostas a unha serie de preguntas que tocan temas como o aseguramento dunha maior efectividade da política de axuda ao desenvolvemento europea, o facilitamento dun maior e mellor crecemento inclusivo nos países en desenvolvemento, a promoción dun crecemento sustentable ou de como acadar resultados duradeiros no campo da agricultura e a seguridade alimentar.
Pola súa banda, o director xeral valorou moi positivamente a súa elección para a elaboración deste ditame. Na súa opinión “é esencial mostrar e poñer de releve o valor engadido que achega a cooperación descentralizada na Unión Europea, e no caso de Galicia, engadir o noso coñecemento técnico sobre a materia en todos os ámbitos nos que contamos con expertos con ampla preparación e demostradas capacidades. No caso da cooperación galega podemos fixarnos en sectores estratéxicos como a pesca e a acuicultura que resultan de importancia á hora de abordar as iniciativas que a UE quere respaldar no tocante á soberanía alimentaria”.
A próxima reunión da comisión CIVEX na que se tratará este ditame terá lugar en febreiro de 2011.