Os órganos de coordinación e asesoramento da Cooperación Galega aproban o Plan anual 2011 da Cooperación Galega
O Plan 2011, que se enmarca no II Plan director 2010-2013, recolle as actuacións previstas pola cooperación galega para ao ano 2011. Ten como obxectivo mellorar a eficacia da axuda a través da concentración xeográfica da mesma, dunha maior coordinación dos actores e complementariedade das súas actuacións, dunha orientación estratéxica das actuacións de cooperación que poña en valor as singularidades da nosa Comunidade Autónoma e dunha aposta por actuacións a longo prazo que redunden nun desenvolvemento sustentable e nun maior impacto das mesmas.
Para a realización destas actuacións, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE conta cun orzamento inicial de algo máis de oito millóns de euros.
Nesta xuntanza ordinaria dos órganos asesores da cooperación, a dirección xeral informou tamén sobre os resultados da execución do Plan anual 2010, no que se recollen as actuacións realizadas durante este ano no que a cooperación galega executou un orzamento de máis de dez millóns setecentos mil euros, un 5% máis do previsto inicialmente.
Así mesmo, presentouse a informe do Consello Galego de Cooperación, no que están representados a Xunta de Galicia, as ONGD e os restantes axentes de cooperación, o borrador do decreto que vai modificar o rexistro de axentes de cooperación e aprobouse o novo regulamento de organización e funcionamento interno deste órgano.