Noticias de Cooperación Gallega
30/12/2010
Xeral

Publicada a orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de cooperación no exterior de ONGD e doutros axentes de cooperación, para actividades de educación para o desenvolvemento de ONGD e para a consolidación e fortalecemento de ONGD

No DOG do 30 de decembro de 2010 publicouse a Orde do 21 de decembro, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, para actividades de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

O obxecto da orde é establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Xunta de Galicia en materia de cooperación ao desenvolvemento, para os seguintes tipos de proxectos:

• proxectos no exterior executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento (ONGD)

• proxectos no exterior executados polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento (universidades, empresas, sindicatos, fundacións, comunidades galegas, etc)

• actividades de educación para o desenvolvemento realizadas polas ONGD

• proxectos de consolidación e fortalecemento das ONGD

O prazo de presentación de solicitudes de axudas remata o 31 de xaneiro de 2011.

A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior de ONGD ven publicándose dende o ano 1995; a de axudas para proxectos de sensibilización e formativas (que desde o ano pasado denomínase de educación para o desenvolvemento), dende o ano 1996; a de axudas para proxectos no exterior de outros axentes, dende o ano 2003; e a de axudas para proxectos de consolidación e fortalecemento de ONGD, dende o ano 2004. Desde o ano 2008, as bases reguladoras das convocatorias das 4 modalidades de proxectos publícanse conxuntamente nunha única convocatoria.

O período de execución é bianual e corresponde aos anos 2011 e 2012. Conta cunha dotación orzamentaria de 4.999.999 € (1.782.499€ no 2011 e 3.217.500€ no 2012). Por tanto, e a pesar da redución do orzamento destinado a cooperación para o desenvolvemento no ano 2011, mantéñense as dotacións financeiras das convocatorias do ano 2010:

• Proxectos no exterior de ONGD: 3.350.000 € (1.172.500€ no ano 2011 e 2.177.500€ no 2012)
• Proxectos no exterior doutros axentes: 1.000.000 € (350.000€ no ano 2011 e 650.000€ no 2012)
• Actividades de educación para o desenvolvemento: 400.000 € (160.000€ no 2011 e 240.000€ no 2012)
• Proxectos de consolidación e fortalecemento de ONGD: 249.999 € (99.999€ no 2011 e 150.000€ no 2012)

As 4 convocatorias enmárcanse no II Plan director da cooperación galega 2010-2013, aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia o 16 de xuño de 2010. Na procura de dar cumprimento aos obxectivos previstos no II PD, para o ano 2011 manteranse os cambios xerais nas convocatorias que melloren a súa calidade, así:

- A aposta por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación.

- Unha cooperación máis selectiva, de maior impacto e presenza, concentrada xeográfica e sectorialmente, que redundará nunha maior visibilidade da Cooperación Galega.

- Unha maior orientación estratéxica coa posta en valor das vantaxes diferenciais de Galicia (cooperación en sectores nos que Galicia pode ofrecer unha experiencia e coñecementos específicos como a pesca, cooperación en países de fala lusófona ou naqueles latinoamericanos onde hai cultura de cooperación dos nosos axentes, etc.).

- A aposta polo fortalecemento do sistema galego de cooperación a través da mellora das capacidades técnicas e operativas da propia Xunta e dos axentes de cooperación, especialmente das comunidades galegas no exterior, que por primeira vez serán obxecto dunha formación específica para que poidan formular proxectos de cooperación de calidade nos seus países respectivos e así obter financiamento con independencia de que os países nos que se atopan estean entre os prioritarios.

Como novidades concretas das convocatorias do 2011:

- Mantense a dotación orzamentaria total das convocatorias deste ano respecto das convocatorias do 2010, o que supón un incremento porcentual dos recursos canalizados a través das convocatorias.

- Unifícase, para todas as modalidades de axuda, o requisito de que os proxectos non deben estar iniciados antes da data de publicación da convocatoria, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2011.

- Os países prioritarios son os establecidos no II Plan director da cooperación galega 2010-2013, é dicir: Bolivia, Ecuador, Perú, Haití, República Dominicana, Guatemala, O Salvador, Honduras e Nicaragua (en América), Cabo Verde, Guinea Bissau e Mozambique, así coma a poboación saharauí (en África).

- As prioridades sectoriais e as prioridades transversais defínense de acordo coas que recolle o II Plan director, tendo como principal novidade a consideración da interculturalidade como prioridade transversal.

- A subvención distribúese entre os dous anos: para proxectos no exterior, o 35% en 2011 e o 65% en 2012, e para proxectos de educación ao desenvolvemento e de consolidación e fortalecemento de ONGD, o 40% en 2010 e 60% en 2011.

- Concrétase o que se entende por agrupación de entidades para a súa valoración, especificando asemade o que non ten esa consideración a efectos destas convocatorias.

- Modifícase a forma de xustificación final das subvencións, pasando a realizarse mediante a forma de conta xustificativa con entrega de xustificantes do gasto.