A Xunta renova o seu compromiso de solidariedade coa aprobación do Plan anual da Cooperación Galega para o 2011
O Consello da Xunta aprobou o 3 de febreiro o Plan anual da cooperación galega para o desenvolvemento 2011, que é o instrumento anual para levar á práctica o Plan director da cooperación. De acordo coas orientacións do II Plan director 2010-2013, a Cooperación Galega orientarase neste ano na mellora da eficacia da axuda a través da concentración xeográfica da mesma, dunha maior coordinación dos actores e complementariedade das súas actuacións, dunha orientación estratéxica das actuacións de cooperación que poña en valor á comunidade galega dunha aposta por actuacións a longo prazo que redunden nun desenvolvemento sustentable e nun maior impacto das mesmas.
O Plan anual 2011 estrutúrase en tres ámbitos estratéxicos de actuación, nos que se focalizará a actividade a desenvolver durante todo o seu período de vixencia. O primeiro ámbito de actuación abrangue a contribución á redución da pobreza colaborando na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e promovendo o desenvolvemento nos países do Sur, o segundo ámbito de actuación vaise centrar na mellora da calidade da axuda incorporando de forma máis efectiva os principios da Axenda de París, e finalmente o terceiro ámbito comprenderá a promoción na sociedade galega da conciencia solidaria e da súa participación efectiva na promoción do desenvolvemento.
O Plan anual 2011 establece os compromisos, os medios de actuación e os recursos orzamentarios do Goberno galego para o vindeiro ano, agrupando cada unha das actuacións previstas dentro destes tres ámbitos sinalados no II Plan director, para garantir deste xeito a súa contribución ao cumprimento dos seus obxectivos.
Neste ano, a Cooperación Galega cumprirá todos os compromisos adquiridos en exercicios anteriores e incrementarase a porcentaxe de recursos destinada ás convocatorias públicas de axudas e subvencións. Dese xeito, o conxunto das diferentes convocatorias públicas de axudas e subvencións para proxectos de cooperación no exterior continuará sendo no ano 2011 o principal medio de canalización de fondos procedentes das partidas orzamentarias de cooperación exterior.
Continuarase co apoio financeiro ás actuacións que no ámbito da cooperación se promovan dende a Coordinadora Galega de ONGD, que permite facilitar a coordinación entre os distintos actores e a articulación de iniciativas conxuntas; e dende o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, polo seu papel de interlocutor na cooperación da Administración local en Galicia.
Neste Plan anual 2011, continúanse as iniciativas xa en marcha, coma o Programa de desenvolvemento integral en Champerico - Guatemala, que se centra en cinco sectores de actuación: saúde, educación, seguranza alimentaria, habitabilidade básica e saneamento. Tamén se vai desenvolver outra iniciativa integral de mellora no barrio de Santa Lucía- La Mosca, na República Dominicana, que pretende o desenvolvemento da poboación do barrio de Santa Lucía, na cidade de Santiago de los Caballeros.
Outra das iniciativas que recolle este Plan anual 2011 é o Programa de formación de pescadores artesanais en Centroamérica, que está integrado no “Plan de apoio á pesca en Centroamérica” implementado en sete países da rexión centroamericana (O Salvador, Honduras, Nicaragua, Guatemala, Panamá, Costa Rica e Belice), e en coordinación coa Organización del Sector Pesquero y Acuícola del Istmo Centroamericano e coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento. O ámbito da pesca é un nos que se dan as mellores condicións para que Galicia realice una cooperación transformadora pola súa especialización na pesca e na acuicultura.
A Consellería do Mar, a través da Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), continuará neste ano a colaborar en proxectos no eido da cooperación para o desenvolvemento, achegando os coñecementos técnicos do seu persoal especializado en cooperación en materia pesqueira ou acuícola. Como países de intervención destacan Cabo Verde, Namibia, e países centroamericanos.
Ademais, o Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), vén realizando actuacións de cooperación técnica ao desenvolvemento con financiamento da Xunta de Galicia e da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) para a organización de cursos para directivos e técnicos turísticos de países do sueste asiático que se forman en Galicia e levan esta experiencia aos seus países de orixe. No ano 2011, este centro continuará colaborando na posta en marcha de centros de formación en materia turística, así como na transferencia de coñecementos nesa materia en proxectos que se desenvolverán en diversas áreas xeográficas.