Noticias de Cooperación Gallega
11/02/2011
Xeral

Galicia inicia en Bruxelas a tramitación do seu ditame sobre o futuro da política de cooperación para o desenvolvemento en Europa

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, presentou en Bruxelas o documento de traballo do ditame sobre o futuro da política de cooperación para o desenvolvemento en Europa na reunión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité das Rexións europeo (CdR).

Na súa intervención, Gamallo destacou a necesidade de resaltar determinados aspectos relativos á eficacia das axudas europeas e ao financiamento desta política no seu ditame sobre o Libro Verde de Política de Desenvolvemento da UE. “A cooperación ao desenvolvemento en Europa esixe e merece un impulso. Resulta obvio que a situación económica e financeira na que vive a nosa Unión non é a máis propicia. Porén, debemos subliñar que todo canto destinemos á cooperación é, en realidade, un investimento”, afirmou Gamallo.

Neste senso, o director xeral abundou na necesidade de prestar unha maior atención ás accións levadas a cabo polas entidades locais e rexionais, e en particular nos ámbitos nos que estas entidades contan cunha experiencia máis dilatada, como poden ser a xestión de auga, de residuos ou a mellora do medio ambiente a nivel local ou ámbitos sectoriais con un amplo desenvolvemento a nivel rexional como poder ser a pesca no caso de Galicia.

Doutra banda, o director xeral de Relacións Exteriores chamou a atención sobre outros elementos destacados no documento de traballo presentado hoxe, en liña cos avanzados pola Comisión Europea no Libro Verde e relativos ao impacto da cooperación na UE, ao crecemento e ao desenvolvemento sustentable. Deste modo subliñou a importancia de preservar a axenda e calendarios de expansión da axuda ao desenvolvemento, ou de incrementar a eficacia da axuda, afondando na Axenda de París e no Código de conduta adoptado no seo da Unión. Así mesmo incidiu na necesidade de atopar novas vías de financiamento, complementarias ás axudas europeas propiamente ditas e de identificar aqueles ámbitos sectoriais que resulten máis cruciais para poñer en marcha unha dinámica de progreso sustentable nos países socios. O director xeral sinalou finalmente, a necesidade de actuar de forma integrada sobre o conxunto de políticas públicas que inciden nas oportunidades de progreso dos países socios.

“O criterio que guía o ditame é facilitar o complemento dos obxectivos de redución da pobreza no mundo marcados por Nacións Unidas e confirmados pola UE. A dificultade está en poder acadar estes obxectivos no actual contexto de crise. Por isto, cómpre mobilizar medios e adoptar medidas que poidan complementar as axudas orzamentarias e apostar pola eficacia e pola coordinación de actuacións”, concluíu Gamallo.

Calendario de tramitación do ditame

O ditame do Comité das Rexións presentarase o vindeiro 8 de abril na reunión da comisión CIVEX deste organismo europeo. Unha vez adoptado o texto en comisión, a plenaria do CdR analizará e aprobará o ditame na súa reunión dos vindeiros 30 de xuño e 1 de xullo de 2011.

Competencias da Comisión CIVEX

A Comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións é unha das seis comisións nas que se organiza o traballo do Comité das Rexións. Agrupa desde xaneiro de 2010 ás antigas comisións de Relacións Exteriores e Asuntos Constitucionais. O seu presidente é o flamengo Luc Van den Brande.

A comisión ten competencia en múltiples eidos: espazo de liberdade, seguridade e xustiza, política de inmigración, asilo e visados, Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, cidadanía activa, descentralización, gobernanza, mellora e eficiencia lexislativa, aplicación do Tratado da UE, política de veciñanza, asociación oriental e política mediterránea da UE, cooperación descentralizada para o desenvolvemento e ampliación.