Publicación da orde de convocatoria de subvencións para microproxectos de cooperación para o desenvolvemento de ONGD
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica na edición do Diario Oficial de Galicia do 1 de marzo as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (ONGD).
A orde conta cunha dotación orzamentaria de 175.000 euros, o que supón un mantemento do orzamento respecto ao do ano pasado. A contía máxima das subvencións por proxecto será de 25.000 euros, contía que non poderá superar o 95% do custo total do mesmo.
As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 1 de abril.
Esta convocatoria concíbese como un instrumento dirixido a ONGD novas e con pouca experiencia na xestión de proxectos. Persegue o dobre obxectivo de facilitar a participación activa de novas ONGD galegas para que se poidan integrar no tecido da cooperación galega ao mesmo tempo que se promove a súa progresiva independencia. Os microproxectos son intervencións de menor envergadura que os proxectos, pero encamiñadas do mesmo xeito á mellora das condicións de vida. Asemade, este instrumento atópase en consonancia cos obxectivos xerais do II Plan director da cooperación galega 2010-2013, entre os que se atopa o fortalecemento do tecido galego de cooperación.
As ONGD solicitantes deben estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que non recibiran anteriormente subvencións nas convocatorias para programas ou proxectos de cooperación para o desenvolvemento. Cada solicitante só poderá presentar un microproxecto. Entre os criterios de valoración teranse en conta, entre outros, as prioridades xeográficas, sectoriais e transversais establecidas no II Plan director.
A avaliación das solicitudes realizarase por unha comisión formada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, en calidade de presidente, e tres funcionarios deste departamento, que actuarán como secretario e vogais.
Para obter máis información sobre esta convocatoria de axudas pódese consultar a páxina web da cooperación galega, www.cooperaciongalega.org, así como a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.es