Publicación da orde de convocatoria de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior para o ano 2011
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica na edición do Diario Oficial de Galicia (DOG) do 10 de marzo de 2011 as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior ao longo do ano 2011.
A orde conta cunha dotación orzamentaria de 300.000 euros, o que supón a mesma dotación inicial da convocatoria publicada no ano 2010 pola Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, entidade competente naquel momento para as actuacións en materia de acción humanitaria . Isto, sen prexuízo de que dita dotación poda verse incrementada con achegas posteriores, en función das dispoñibilidades orzamentarias. A contía máxima das subvencións por proxecto será de 90.000 euros, contía que non poderá superar o 95% do custo total do mesmo.
O obxecto destas bases é a regulación de concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais, entidades sen fins de lucro e institucións públicas ou privadas de terceiros países, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior. Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés) aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises- provocadas por seres humanos ou por desastres naturais, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.
A convocatoria é aberta e permanente, de maneira que se poderán presentar proxectos todo o ano, que se irán valorando mentres exista crédito suficiente para financialos.
Este instrumento atópase en consonancia cos obxectivos xerais do II Plan director da cooperación galega 2010-2013, entre os que se atopa a mellora da capacidade da Dirección Xeral de Relaciones Exteriores e coa Unión Europea para liderar de forma efectiva unha acción humanitaria galega de calidade.
As entidades solicitantes deberán ter personalidade xurídica, carecer de ánimo de lucro, ter sede ou delegación permanente na comunidade autónoma galega, e estar inscrita no Rexistro de Axentes de Cooperación, salvo no caso de subvencións concedidas a entidades públicas ou privadas doutros Estados e entidades vinculadas a organismos internacionais. Ademais ten que ter recoñecidos entre os seus fins o labor humanitario. A entidade solicitante poderá presentar un máximo de dous proxectos individuais ou en agrupación.
Os proxectos poderán ter unha duración máxima de 12 meses, rematando a súa execución antes do 30 de decembro do ano no que se concede a subvención e podendo estar iniciado dende principios do mes de xaneiro do 2011.
Outorgaranse puntuación específica a proxectos de reconstrución en Haití ou de atención a crises esquecidas.
Para obter máis información sobre esta convocatoria de axudas pódese consultar a páxina web da cooperación galega, www.cooperaciongalega.org, así como a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.es