Noticias de Cooperación Gallega
06/04/2011
Xeral

Reunión constitutiva da Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento

Esta mañá celebrouse na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea en Santiago de Compostela a reunión constitutiva da Comisión Permanente creada no seo do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento.

Á xuntanza da Comisión, que foi creada co gallo da modificación do Regulamento Interno do CONGACODE, aprobado na reunión do 21 de decembro do 2010 por unanimidade dos membros do Consello, asistiron todos os seus membros: o presidente do Consello (Jesús Gamallo Aller), a secretaria do Consello (Pilar Romero Rodríguez), dous representantes das ONGD (Xosé Mª Torres Bouza e Xosé Luis Quintela Julián), un representante do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (Alfredo Novoa Gil) e unha experta independente (Irene Rodríguez Manzano)., todos eles membros do CONGACODE.

A creación da comisión responde a unha demanda do sector galego da cooperación, representado no CONGACODE, de contar cun órgano que dotara de mais axilidade ao dito consello. As súas funcións principais son realizar os traballos preparatorios das sesións do Pleno do Consello, facer propostas e suxestións para incluír na orde do dia do Pleno, así como informar de calquera asunto de interese na materia de cooperación ao desenvolvemento, realizar o seguimento da marcha dos traballos incluídos no Plan Anual da Cooperación Galega ou recibir información da Presidencia sobre asuntos urxentes.

Nesta primeira xuntanza constitutiva informouse aos membros sobre o estado do Ditame do Comité das Rexións relativo o Libro Verde da U.E sobre a Política de Desenvolvemento da U.E, do cal é relator o director xeral ,Jesus Gamallo, presentouse un informe de seguimento da execución do Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013 e realizouse un repaso do estado das actuacións previstas no Plan Anual 2011 que está desenvolvendo a Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

O Director Xeral informou á Comisión sobre o estado das convocatorias de axudas anuais (todas elas xa publicadas e pendentes de resolución), o estado de tramitación dos Convenios de Colaboración para a execución dos Programas de Desenvolvemento Integral e doutras actuacións do departamento. Compre salientar que neste primeiro trimestre do ano o estado de execución do Plan Anual da Cooperación Galega é de mais dun 90%.