A Comisión de Cidadanía e Relacións exteriores do Comité das rexións europeo aproba o ditame do director xeral de Relacións exteriores e coa U.E. sobre o futuro da política de cooperación para o desenvolvemento en Europa
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, defendeu hoxe en Bruxelas o proxecto de ditame sobre o futuro da política de cooperación para o desenvolvemento en Europa na reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité das Rexións europeo (CdR). Trala adopción do texto na comisión de hoxe, a plenaria do CdR analizará e aprobará o ditame na súa reunión dos vindeiros 11 e 12 de maio.
Na súa intervención, o director xeral de Relacións Exteriores destacou a importancia da experiencia das autoridades rexionais e locais á hora de xestionar ámbitos de especial relevancia para a política europea de desenvolvemento. Neste contexto, Gamallo reafirmouse na importancia do financiamento, reivindicando a dotación dunha liña financeira específica a disposición dos entes locais e rexionais da Unión “que nos permita transferir estes coñecementos e experiencias en parcelas dos servizos públicos onde gozamos dunha indiscutible pericia”.
O director xeral explicou que o ditame incide, entre outras ideas, na necesidade de mellorar os procedementos de avaliación do impacto da cooperación na UE e de facer unha mellor división do traballo entre os doantes europeos. Así mesmo, explicou a importancia de favorecer unha maior coherencia entre as políticas de cooperación ao desenvolvemento aplicadas en todos os niveis da administración e de alcanzar os coñecidos como Obxectivos do Milenio. Durante a súa exposición, Gamallo fixo fincapé na necesidade de asumir a política comunitaria de cooperación como un proceso de mellora constante e permanente “pero á vez inamovible e rigorosa na defensa duns valores indeclinables”, en relación aos principios que presiden a Declaración do Milenio de Nacións Unidas.
No relativo aos acordos de asociación, o director xeral fixo especial fincapé na necesidade de respectar as regras básicas dos acordos comerciais da Unión no sentido de non derrogar os requirimentos referidos ás regras de orixe dos produtos provenientes de países socios. Gamallo insistiu na importancia deste punto, a pesar de que isto poida formar parte dos acordos de asociación existentes entre a UE e países terceiros. No ditame que está a elaborar Galicia incídese neste punto e pídese á Comisión que se estuden os potenciais danos que estas regras poden facer no correcto funcionamento do mercado interior, como é o caso das conservas de atún procedentes de Papúa Nova Guinea, e as posibles vantaxes de cara ao desenvolvemento sostible destes países co impulso dunha produción con orixe exclusivamente local. Para Gamallo “non é posible falar de cooperación ao desenvolvemento cando os beneficiarios das nosas políticas son, por exemplo, grupos conserveiros americanos que acceden ao mercado europeo con aranceis cero.”
Por outra banda, o director xeral de Relacións Exteriores incidiu na importancia das transferencias europeas a terceiros países para contribuír a reforzar a súa estrutura económica e conseguir, desa forma, que Europa manteña un comercio máis equitativo con estes países. “Se axudamos a reforzar a feble urdimbre económica de moitos dos países destinatarios desas inversións, conseguiremos romper o ciclo da pobreza que os atenaza e iniciar un ciclo virtuoso”, afirmou Gamallo.
Finalmente, o director xeral de Relacións Exteriores insistiu na necesidade de mellorar as capacidades de xestión da axuda entre as administracións locais e rexionais de destino e a necesidade de incrementar o peso dos proxectos de educación e de mellora de aprovisionamento enerxético.
Competencias da Comisión CIVEX
A comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) é unha das seis comisións nas que se organiza o traballo do Comité das Rexións. Agrupa desde xaneiro de 2010 ás antigas comisións de RELEX (Relacións Exteriores) e CONST (Asuntos Constitucionais). O seu presidente é o flamengo Luc Van den Brande.
A comisión ten competencia en múltiples eidos: espazo de liberdade, seguridade e xustiza, política de inmigración, asilo e visados, Carta de los Dereitos Fundamentais da UE, cidadanía activa, descentralización, gobernanza, mellora e eficiencia lexislativa, aplicación do Tratado da UE, política de veciñanza, Asociación Oriental e política mediterránea da UE, cooperación descentralizada para o desenvolvemento e ampliación.