IV Encontro de Comunidades Autónomas e Cooperación ao Desenvolvemento
-O encontro tivo lugar en Pamplona e estivo presidido pola secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Soraya Rodríguez Ramos.
- O director xeral presentou aos representantes autonómicos o Ditame do Comité das Rexións sobre o Libro Verde da política de axuda ao desenvolvemento no plano europeo, do cal foi designado relator.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo e a subdirectora xeral de cooperación exterior, Pilar Romero, participaron no IV Encontro de Comunidades Autónomas e Cooperación ao Desenvolvemento, celebrado en Pamplona os días 14 e 15 de abril e coorganizado polos gobernos autonómicos de Navarra, Cantabria e Galicia.
Ao encontro asistiron responsables políticos e técnicos na materia de cooperación exterior de 15 Comunidades Autónomas e da Cidade Autónoma de Melilla. Tamén estiveron presentes representantes do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, a través da Secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Soraya Rodríguez Ramos, que presidiu o acto.
Na súa intervención o Director Xeral salientou a necesidade de acadar unha maior colaboración entre as administracións públicas para lograr os obxectivos da axuda oficial ao desenvolvemento. Así mesmo, no taller dinamizado pola Xunta de Galicia baixo o título “Análise da cooperación descentralizada directa e concertada en Centroamérica e posibilidades dunha planificación conxunta da cooperación descentralizada española”, destacouse o valor engadido que aporta a cooperación descentralizada na Unión Europea e a necesidade de que se teñan en conta a experiencia das autoridades rexionais e locais na xestión de moitos ámbitos e servizos públicos.
O Libro Verde
Ademais do taller, o director xeral tamén tivo a oportunidade de presentar aos representantes autonómicos o ditame do Comité das Rexións (CdR) sobre o Libro Verde da política de axuda ao desenvolvemento no plano europeo, do cal foi designado relator o pasado 13 de decembro no seo da seo da comisión de Cidadanía, Gobernanza, e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX).
Este Libro Verde avoga por un maior apoio do crecemento inclusivo e un desenvolvemento sustentable. Coa entrada en vigor do Tratado de Lisboa, a política de axuda ao desenvolvemento forma parte dos obxectivos comunitarios, establecendo o artigo 208 do Tratado de funcionamento da UE que “o obxectivo principal da política da Unión neste dominio é a redución e, a prazo, a erradicación da pobreza”.
Na execución das políticas susceptibles de afectar os países en desenvolvemento, a Unión ten en conta os obxectivos da cooperación para o desenvolvemento”. Do mesmo xeito, a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) en 2015, acordados en 2000 no seo das Nacións Unidas, continúa a ser a prioridade principal para a UE.
O Libro Verde busca, por tanto, favorecer un debate sobre como a Unión Europea pode apoiar dunha maneira máis efectiva os esforzos realizados polos países en desenvolvemento para acadar os ODM. De modo máis concreto o documento publicado pola Comisión busca respostas a unha serie de preguntas que tocan temas como o aseguramento dunha maior efectividades da política de axuda ao desenvolvemento europea, o facilitamento dun maior e mellor crecemento inclusivo nos países en desenvolvemento, a promoción dun crecemento sostible ou de como acadar resultados duradeiros no campo da agricultura e a seguridade alimentaria.