Noticias de Cooperación Gallega
05/05/2011
Xeral

A Xunta de Galicia e a FAO asinan un Acordo de Colaboración para a realización de actividades formativas en cooperación ao desenvolvemento de mozos titulados/as universitarios/as nas oficinas rexionais desta organización de Nacións Unidas.

O 10 de decembro de 2010 asinouse o Acordo de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO). Coa sinatura deste acordo de colaboración, que se enmarca no Acordo-Marco asinado entre España e a FAO o 27 de xaneiro de 2004, a Xunta de Galicia e a FAO traballarán en temas de interese común relativos á agricultura, a pesca, a alimentación, o desenvolvemento e a economía rural e, en particular, nas iniciativas encamiñadas ao desenvolvemento destes sectores nos países máis necesitados.

No marco deste Acordo vense de asinar o pasado 7 de abril outro no que se afonda na colaboración no eido da formación na materia de cooperación ao desenvolvemento mediante a realización de actividades formativas específicas nas oficinas ou en programas ou proxectos da FAO mediante o envío de bolseiros da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE para completar a súa formación nas distintas oficinas rexionais da FAO.

No documento, que adapta o anteriormente asinado en 2007 ao novo “programa de pasantías da FAO” ("Internship programme"), detállanse as obrigas da Xunta, da FAO e dos bolseiros e bolseiras que realicen as súas actividades de formación na FAO ao abeiro da orde anual de convocatoria de bolsas de formación de expertos en cooperación ao desenvolvemento xestionadas pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Coa sinatura deste Acordo cúmprese co establecido no II Plan director da Cooperación Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia o 17 de xuño do 2010, que sinala que as bolsas de formación de persoal experto en cooperación internacional para levar a cabo actividades en países en desenvolvemento, constitúen tarefas básicas que a Xunta levará a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación.

Desde o ano 2008 a Xunta de Galicia ven enviando bolseiros e bolseiras para realizar estadías nas oficinas rexionais da FAO en Angola e Nicaragua.