O Consello da Xunta aprobou onte a modificación do Decreto polo que se regulan os Órganos de Coordinación e Asesoramento en materia de Cooperación para o Desenvolvemento e polo que se crea o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento
O Consello da Xunta do dia 5 de maio deu luz verde á modificación do decreto polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e polo que se crea o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento. A modificación, que responde a unha demanda do sector da cooperación para o desenvolvemento, permitirá actualizar o Rexistro e mellorar a súa operatividade.
Dito decreto, que desenvolve a Lei galega de Cooperación para o Desenvolvemento, ten por obxecto regular a inscrición dos axentes de cooperación recoñecidos nesta norma, tales como ONGD, empresas, sindicatos e outros axentes sociais. Os axentes de cooperación deben ter sede social ou delegación permanente en Galicia e desenvolver programas e proxectos de cooperación en colaboración coa Comunidade Autónoma, co fin de poder acceder ás axudas e subvencións públicas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
A normativa anterior resultou útil para mellorar a información que dispón a Administración sobre os Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento. Sen embargo, logo de cinco anos de xestión con esta normativa véñense detectando unha serie de aspectos que deben ser mellorados no que fai referencia á xestión dos datos existentes no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
Neste sentido, entre as novidades máis importantes da modificación do rexistro está a redución do número de seccións do rexistro, que redundará nunha mellor xestión ao pasar de cinco a catro, desaparecendo a necesidade de inscrición das comunidades galegas no exterior que consten inscritas no seu propio rexistro, dependente da Secretaria Xeral da Emigración.
Doutra banda, modifícase a sección correspondente ás ONGD, co fin de que se inscriban nesta sección especificamente aquelas entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento. Así mesmo, tamén se clarifican os datos que debe conter a inscrición e a documentación necesaria para solicitar a mesma, tendo en conta as diferenzas existentes na forma xurídica dos distintos tipos de axentes de cooperación que pretenden acceder ao rexistro.
Ademais disto, co fin de facilitar a depuración do rexistro, establecese a necesidade de comunicación da modificación dos datos inscritos polas distintas entidades inscritas e regulase un procedemento de suspensión, e no seu caso, cancelación das inscricións das ditas entidades por inactividade ou por incumprimento das obrigas establecidas no Decreto.
Finalmente, establecese como disposición transitoria, a necesidade de que no prazo de 6 meses desde a entrada en vigor do novo decreto os axentes de cooperación adecúen a súa inscrición á nova normativa. Para este fin, a unidade administrativa responsable do rexistro revisará as inscricións anteriores á entrada en vigor da modificación do decreto.